carlos risco

Pop reflexivo

Carlos Risco viviu os últimos vinte anos en Madrid, exercendo de periodista en medios como El País, Rolling Stone, Vanity Fair ou GQ, ademais de traballar algún tempo en Nacións Unidas en Roma. Publica varios libros: “Herdei a cousa de escribir do meu tío Vicente, pater patriae das letras galegas, e veño por parte de nai dos últimos Ulloa do pazo de Santa Cruz de Arrabaldo, agora en ruínas. Pertenzo a un liñaxe en decadencia e tiven unha vida en dous actos, entre Madrid e Galicia. Desde a pandemia vivo no campo, nas fragas de Allariz, nunha aldea deshabitada e máxica”.

O seu contacto coa música ven de lonxe: “Toco a guitarra desde os trece anos (agora teño 45). Tiven un montón de bandas, pero sempre fun músico dende as beiras, centrado sobre todo no instrumento, na guitarra e no baixo eléctrico.

Comecei a escribir cancións e a cantar fai poucos anos, nos veráns en Ibiza, onde levaba unha revista e mudaba o meu apartamento de Lavapiés pola praia e os bosques de piñeiros e sabinas. Namoreime dunha rapaza. Para ela escribín moitísimas cancións. Non sabía que tiña en min a capacidade de tocar eses cables invisibles que fan da verba melodía. O amor acabouse, pero deixoume aberta a porta dun superpoder que non coñecía: o de escribir a miña propia música e descubrir o son da miña propia voz. Despois comprendín que a música non nos pertence. Está en todos nós. Só hai que estar atento e permitirse a recolleita (e nesas ando)”.

….

Carlos Risco ten claro o son que persigue e onde atopalo. “A música non é só unha cousa imaxinaria, sequera producida polas persoas. A música xorde das rochas e das raíces, das árbores e a choiva. Coido, como Bruce Chatwin, que hai unha canción que está por baixo de todas as cancións. Unha melodía ancestral que une aos humanos no profundo, nesa viaxe milenaria de noites nómades xunto ao lume, cantando para comprender a vida. Os humanos aprendemos a cantar antes que a falar e, ao facelo, recollemos unha melodía ancestral que nos comunica con todo o vivo, reconcílianos coas estrelas e axúdanos a botar fóra as angustias de existir.

Canto en galego porque é a linguaxe lírica que serve para falar cos ríos e coas pedras. É o código que mellor entenden ninfas e montañas. Este mantra de Cando chegue a hora quere convidar o oínte a outro plano de consciencia. Como unha chamada noutra frecuencia. Como unha porta a esa dimensión quente onde descansan os antepasados e os soños. É a miña pandeirada que mira ao futuro convidando aos vivos e os mortos a unha mesma danza”.

Con respecto ao uso do galego indica: “Sempre fun castelán falante e castelán pensante, pero co corazón no idioma galego, que ten unha dimensión moito máis quente e lírica. Case sempre escrebo en castelán e fáiseme máis doado que as verbas veñan a min nesta lingua. Pero neste regresar a Galicia e neste tentar entender o país, relaciónome coa xente galego-pensante, veciños e amigos, volto os libros importantes e poño a vibrar a ialma no galego, que está feito de auga e ten verbas poderosas para falar coa natureza e coa vida. A paisaxe lévame á lingua. Isto debería ser o bilingüismo ben entendido. A mudanza sen complexos, coma facía Cunqueiro con tanta maxia. Aínda que a min cústame, teño unha pronuncia mala e as veces fáltame brandura na gorxa, é ese sentirme un pouco alleo o que me da a vontade de mergullarme con mais forza. A lingua é unha traxe para o espírito. Lévate a un sitio distinto. O galego, non esquezamos, é a lingua dos reis medievais e dos trobadores. O galego axuda o lado morno do corazón. O castelán, o pensamento máis analítico. Sen querer ser un impostor nen loitar por mais verdade que a verdade da fala (que é a única verdade), adoro lamber as dúas beiras e desfrutar de ser o que son: unha criatura híbrida”.

Olla os seus discos na nosa tenda online!