carrero bianco

A nova onda da nova onda
En pouco máis dun ano -Carrero Bianco nacen en Ferrol na primavera do 2009- convertéronse nunha das grandes esperanzas da escena independente galega. A súa peculiar revisión da new wave levounos a defender unha proposta que poderiamos definir como a nova onda dentro a nova onda, é dicir, un cóctel explosivo no que caben o post punk, o electro e o tecnopop, todo iso aderezado cun chisco de Pegamoides, outra de Derribos Arias e Devo, e unhas pingas de metafísica. En definitiva, estamos #ante un grupo con corazón 80’s que actualiza a proposta para elevala a un novo nivel.
Carrero Bianco son Rocío Bianco (batería electrónica e voces), Blas Bianco (baixo e voces), Joaquín Bianco Quincho (guitarra, microkorg, voces) e Sergio aka Agostinho Bianco (teclados varios e microkorg). Eles son os responsables dun son infeccioso e colorista, fresco e inmediato, que convida o baile e á espiritualidade ao mesmo tempo. O seu gran acerto é a súa capacidade para facturar cancións con vocación de hit. Aínda que o que nos interesa é o presente -e neste caso debería dicir o futuro-, tanto Blas como Quincho teñen un pasado recente en Triángulo de Amor Bizarro e Los Bonitos del Norte. Blas formou parte dos primeiros TAB e Quincho foi o vocalista dos Bonitos do Norte.
A estrea da banda nos escenarios prodúcese en setembro do 2009 na Festa das Meninas do barrio de Canido. Tras o impacto inicial comezan a chover as actuacións. En novembro telonean a Tarántula en Ferrol e en decembro fan o propio con TAB na sala A Reserva de Carballo -o feudo de Franc3s-.
Pero é en maio do 2010 coa súa participación no Festival do Norte cando o grupo comeza a alcanzar unha repercusión importante en terras galegas. Logo chegarían o festival Tualmonteyoalmar en Ferrol e o VigoTransforma.
Tamén participan con “Árdeme ou eixe” -unha marcianada xenial con profundas raíces do terruño, na que nos atopamos con versos do “Xirarei” de Xil Ríos, no concurso Apologhit organizado pola Radio Galega e o xornal dixital Vieiros.
En novembro chega o seu primeiro traballo, “Oferta de Lanzamiento” (Carrero Bianco, 2010). Unha interesante colección de cancións que segundo comentaba Quincho nunha recente entrevista na MondoSonoro “reflicten a adolescencia do grupo, aos poucos ímonos cohesionando. As novas cancións son máis Carrero Bianco”. Este primeiro traballo consta de oito cortes máis dúas remesturas de agasallo: “¡Muévelo! tonicable electrochoc rmx” y “Novo orden Projecto Mourente drum&bossa rmx”.
No 2011 cambia a formación en dous compoñentes e substitúense Blas ao baixo e Rocío na batería electrónica, polas bases e sintes de Tony e a batería electrónica de Carlota Barro, decantándose por unha maior influencia tecno pop.
Un ano despois entregan «Blister» (Carrero Bianco, 2012). Un EP co seu son máis maduro e cohesionado e menos inmediatez. O corte homónimo, «Blister«, comeza cun ritmo marca da casa que non debe levarnos a engano. Carrero enseguida mostran desenvolvementos electrónicos new wave, unha atmosfera melancólica, luminosa e robótica que lembra por momentos a grupos como Grado 33 e noutros a Kraftwerk.
Se no seu anterior entrega as cancións quedaban gravadas a lume na túa mente de forma inmediata, nesta ocasión son recomendables varias escoitas para poder apreciar o EP na súa xusta medida. E iso, non é nin mellor nin peor, é diferente… é evolución.
No verán de 2013 coa nova formación estabilizada lánzanse á gravación dun LP: “Horror! Horror!” (Carrero Bianco, 2013) que reflicte a personalidade heteroxénea do grupo, con influencias desde o tecno pop, a nova onda alemá, música disco…
Un traballo gravado e mesturado na Casa Bianca (Canido – Ferrol) ao longo do 2013. Masterizado nos estudos de Víctor Gacio -excepto «Erasmus 2.0» e «Mágico», masterizadas por Tito Barbeito; colaboran Óscar Quant, Amparo Arias, Blas, Rocío, Erika e Mario Gil (La Mode, Paraíso) que se encarga da mestura de «Herminio Molero«.
En 2016 chega «Ejército Celeste» (Ferror Records, 2016). Un disco co que se mergullan definitivamente na electrónica, con influencias que van desde o tecno pop, a nova onda alemá ou o música disco… “Conceptualmente é un disco sobre drogas e adiccións, que aos poucos se foi iluminando. As cancións fomos gravando na Casa Bianca (Ferrol) ao longo de varios meses de ensaios, metendo arranxos e traballando sobre bases electrónicas. Unhas desenvolvémolas e concretamos e outras foron quedando atrás. Finalmente fomos ao estudo ferrolán Río Records con Danny Abeledo para acabar de mesturar e masterizar” explican. Oito novas composicións editadas polo selo ferrolán Ferror Records que contan cun espectacular deseño a cargo de Mary de Lirios.
Carlota e Quincho poñen en marcha un proxecto paralelo: Espejos y Diamantes; e Sergio e Tony fan o propio con TechnoChico.
En 2017 o selo ferrolán Ferror Records encárgase de reeditar «Horror! Horror!» (2013) nunha limitada edición en CD. Catro anos despois Ferror Records rescatan dúas xoias perdidas da banda ferrolá. Fano no lathe cut 7″ «Árdeme o Eixe 2.0» (Ferror Records, 2021).
A partir de agora miraremos a chatarra con outros ollos e seremos conscientes de que levan lentes de sol porque o seu futuro é demasiado brillante.
Texto e imaxe cedidos por La Fonoteca.
Olla os seus discos na nosa tenda online!
Síguenos!
ContactO
mail
ferrorrecord@gmail.com
Diseño Web por Tony RG para Ferror Records