cuerpo astral

Sons espaciais

Cuerpo Astral son un trío de Monfero (Ferrolterra) que factura electrónica salpicada por moitos outros estilos. Elas falan de 100g de electrónica, 62g de folclores varios, 8g de sabrosura tropical, 40g de hip hop e un toque de reggaetón ilustrado.

A banda está composta por Vanesa Castro, Iñaki López (Ki) e Lúa Gándara. “As tres coñeciámonos de había anos, de compartir escenarios na escena galega. Iñaki e Vane tiñamos a banda Os Gru e apreciabamos a traxectoria de Lúa ¡lembrábanos tanto a Fátima Miranda! Tiñamos moita xeometría e gustos en común. Fixemos incluso algunha colaboración… A cousa víase vir, e nunha desas, Lúa andaba buscando kéfir de auga por facebook, e nós tiñamos, así que quedamos para darlle, e foi cando apareceu o proxecto” explican.

Unha vez establecido o trío, había que poñerlle nome, decántanse por Cuerpo Astral… “Vén dun verso dun tema: ‘tes un corpo brutal, un corpo astral’. Fixéranos graza. Logo viñeron os significados, pero non son especialmente importantes. En calquera caso somos como unha cousa soa que é unha suma de varias”.

Na súa música, aínda que predomina a electrónica, fusionan todo tipo de estilos: copla, folk, hip hop, pop, reggaetón… incluso en directo teñen unha posta en escena de teatro, cabaré… “As nosas influencias son todo o que pasa arredor, e no espazo en xeral. Calquera cousa é susceptible de ser material. Pensamos en formato collage e en imaxe, as tres estudamos Belas Artes, e iso acaba notándose, por exemplo na maneira de compoñer ou de resolver no escenario. Tamén hai grupos como Mecano, Parchís, Peor Imposible, Chico y Chica ou Hidrogenesse, que teñen moito que ver coa nosa forma de entender a música e a escena. Reflexionamos moito sobre o noso son, e estivémolo moldeando coma se dun material escultórico se tratase. Usamos cortadora láser, un xunque e un martelo. Lúa, que é DJ comercial, coñece ao detalle a música mainstream, así que non paramos de actualizarnos en tipos de sons e tendencias perreables. Desde que empezou internet non paramos de investigar a música electrónica que acabou por estar presente en case todos os xéneros. Nesa onda ultimamente coincidimos en cousas como Omniboi ou Ehirobo. Por outra banda tamén nos encanta rebuscar no pasado, Raimond Scott, todo o desenvolvemento da electrónica de baile ata o dubstep, ou o son de Lola Flores e das gravacións old school son referencias do tipo de son que nos gusta”.

En 2015 inclúen “Todo é malo” no recompilatorio da escena de Ferrolterra “Ferror Records Vol. I” (Ferror, 2015), no que coinciden con formacións como Quant, Carrero Bianco ou Alarido Mongólico.

Xunto ao selo ferrolán Ferror Records editan o seu primeiro traballo: “La Primera Vez” (Ferror, 2016). Un orixinal sobre sorpresa cun tazo USB en edición limitada e numerada de cen copias, “xa fixeramos cousas así, encántannos as series limitadas e que a cada persoa lle toque unha cousa diferente. Somos moi de personalizalo e de tunealo con amor e picardía. Queríamos xogar coa idea de oráculo, e con repartir pequenos amuletos espaciais e humildes cargados de power. Si, somos excéntricas e orixinais, que se lle vai facer. Por que en USB? O USB é a porta do presente, gústanos que nos pinchen na tele, no coche, que se nos pinchen pola vea. Como di Jessi Bulbo ‘chegarei ata a túa casa xa o verás, así que salvar os teus discos xa non poderás’”.

Cancións como “Rave no Pico Sacro”, “Intoxicación” ou “Maja e condesa” non deixarán indiferente a ninguén.

Texto e imaxe cedidos por La Fonoteca.

Olla os seus discos na nosa tenda online!