espejos y diamantes

O 50% de Carrero Bianco
Espejos y Diamantes son un dúo ferrolán de synth pop elegante e emocional formado por Carlota Barro e Joaquín García ‘Quincho’, o 50% de Carrero Bianco.
«Espejos y Diamantes é un proxecto máis persoal no que me acompaña Carlota, para materializar cancións que non teñen cabida en Carrero Bianco. É un universo paralelo e un exercicio de estilo, non é tanto un entretemento como unha necesidade creativa. É o meu universo propio, non son cancións pensadas para un grupo senón simplemente unha materialización do que teño na cabeza, sen afán de innovación nin preocupación por ‘o que se leva’. De feito, en Espejos y Diamantes facemos un tipo de cancións e de son que xa non se leva, moita xente díxonos: ‘Está moi ben o que facedes pero sede conscientes de que con isto tal e como están as cousas non ides a ningures’ e teñen toda a razón, aí estamos« explica Joaquín.
Ferror Records encárgase de editar a súa primeira referencia: “Espejos y Diamantes” (Ferror Records, 2017), unha apaixonante inmersión nun universo persoal e intransferible cheo de rapaces refinados, belísimas en desorde, vaguiñas vangardistas, aventuras NY-inas, Andy Warhol, Pitita Ridruejo, Maruja Mallo, Ana Obregón e Piel Divina.
Synth-pop sofisticado con cadencia new wave old school polo que planea a melancolía bohemia de Grado 33 e Carlos Berlanga –“Todo lo que está sonando”, “Bellíssima en desorden”–, a parte máis emocional de Fangoria e Depeche Mode –“Fetiche”– e techno pop para discotecas vellas cheo de nostalxia –“Días de lluvia techno-pop y Morrissey”–. Programacións realmente efectivas que conseguen atopar a profundidade a través da sinxeleza.
«Tiñamos un obxectivo claro, gustaríanos facer algo que puidese soar á elegancia decadente das discotecas vellas dos hoteis, as ‘boîtes’, a sala de festas dun cruceiro… É un fetichismo do cheiro a deterxente de discoteca recén aberta. É algo que nos gusta. As nosas influencias son claras e van desde Carlos Berlanga a Bryan Ferry ata Stereo Total, pasando por Chico y Chica; intentando non perder o norte synth pop en ningún momento, encántanos o son do techno pop dos oitenta. Cremos que o disco vai desde a moderación e a emoción ata certo gamberrismo, sempre sen perder un toque elegante».
Espejos y Diamantes presentan unha brillante colección de cancións cargada de emoción. Mirando aos ollos do pop para atopar a beleza máis salvaxe.
En decembro de 2020 Ferror Records editan en vinilo 7″ «Días de Lluvia, Techno-Pop y Morrissey» (Ferror Records, 2020), un traballo no que Espejos y Diamantes e TechnoChico suman forzas.
Olla os seus discos na nosa tenda online!