Koroiev

Fantasía, tradición e vangarda

Roberto Casteleiro é compositor e deseñador de son. Ademais de músico, é Educador Social e coordina o proxecto “Taller Naranja Imaginario”: Arte, pedagogía e música experimental no Centro Ocupacional Pascual Veiga (A Coruña). “Naranja Imaginario é un grupo de música electrónica formado por persoas con diversidade funcional. Música pop, synthwave, psicodelia únense nun cóctel de sintetizadores, improvisación e imaxe propia. Pasión, tecnoloxía e traballo en equipo derívan en directos emocionantes, sorprendentes e cunha calidade envexable”.

Ao longo destes anos, Roberto puxo en marcha múltiples proxectos persoais, todos eles xiran arredor dunha cidade imaxinaria: Diezcitron. Alí desenvólvese o mundo sonoro de Federico Flesfa, Koroiev e KRKT. Con Diego Lamas monta Fagot & Popota, gravando o LP “A Caseta do Cocón” (Fikasound, 2014).

O “máis convencional” dos seus proxectos quizais fose Primrose, grupo con ecos de dream pop e música onírica desenvolvido como un trío… “Pensándoo dende o agora, o concepto era ser un dos grupos que tocan ao final dos capítulos da terceira tempada de Twin Peaks. Oníricos, escuros e dramáticos. Primrose éramos tres: Eugenia Sánchez á voz, David Vázquez á guitarra e eu nos sintetizadores e o baixo. Coñecín a David por mensaxes con LED (o grupo de David) en Myspace. Logo coincidimos un par de veces e de aí á miña casa a compoñer. Estivemos en activo do 2012 a finais do 2014. Tiñamos intereses estéticos comúns e gustos semellantes na electrónica. E ao mesmo tempo disparidades, nunca aceitei ben o de cantar en inglés. Para min foi unha boa época, lembro aprender moito sobre os directos, sobre compoñer en grupo, sobre conducir unha furgoneta para ir a tocar: íamos na Furgoiev!!! Unha Ford Transit feita poñer.

Sobre as influencias, David sempre nomeou o selo 4AD, Eugenia nunca abandonou os clásicos do rock e os tres flipábamos con NIN. Con esta banda fixemos bos concertos, algúns lémbroos perfectamente como cando tocamos con Austin TV. Eugenia comezaba a capela con ‘Llorando’, o tema que Rebecak do Río canta na escena do teatro de Mudholland Drive. Era un comezo que deixaba ao público absorto e co último fío de reverb comezábamos a todo trapo con ‘Serial Love’, tema que resumía todo o concepto do primeiro disco. Non estaba nos meus plans facer un grupo deste estilo, non vou crear unha ilusión de azar e dicir que foi casualidade, pero estou orgulloso de que puidésemos darnos conta das nosas afinidades e poñernos a traballar nelo. Sinto que cando tiven un proxecto común foi porque era fisicamente sinxelo e mentalmente fluído. Primrose rematou cando me fun a vivir a Güimil, unha aldea de Vilarmaior, e convertiuse en fisicamente complexo. Non me pregunto que pasaría se seguíramos tocando pero estábamos preparando un segundo disco que nos gustaba moito. Pero o botón de stop funciona así”.

Con respecto a Koroiev, non é sinxelo enmarcálo dentro dun xénero en concreto, as súas composicións caracterízanse pola mestura de música orquestral, folk, ambient, poesía, rock progresivo e electrónica. Instrumentos acústicos, sintes e a súa voz únense para crear paisaxes imaxinarias cuxo compoñente máis destacado é o seu forte carácter narrativo. Fálanos dun mozo que penetra no bosque e atopa a noite, a natureza e o remoto. Un contacto co máis alá que trae consigo un viaxe inesperado.

“Koroiev nace a finais do 2008. Diego Lamas, co que xa estaba iniciando Fagot e Popota, ensináronme a manexar Ableton Live. Ese ano tiven meninxite, así sen querer case me morro e iso deixáume bastante depre. Deixe todo o que estaba facendo neste momento da miña vida. Pero comecei a compoñer cancións como se non houbera mañá. Básicas e cutres, ao principio moi de videoxogo de NES. Logo comecei a profundizar máis e fixen un grupo de cancións puramente dixitais que conformaron ‘A Invención do Cosmos’ (2010) que foi a primeira demo que saín como Koroiev. Tiñan samplers de películas a modo de voces e todo xiraba arredor da ciencia ficción. Esa etapa inicial era todo casero, non había ningunha intención de saír ao directo senón simplemente compoñer pequenas bandas sonoras co meu teclado e os sintes do propio Ableton. Paralelamente estaba con Fagot e Popota cuxa primeira demo me deu literalmente a vida. O nome de Koroiev aparece eliminando unha letra do personaxe Koroviev da fenomenal novela “O Mestre e Margarita” de Mijail Bulgakov, nesta novela tamén aparecían Fagot e Popota. Aínda que a lectura que máis influencia tivo en min para querer contar algo é ‘Viaxes ao Outro Mundo. Ciclo de Aventuras Oníricas de Randolph Carter’ de H.P. Lovecraft. Unha serie de relatos sobre os soños e o retorno á infancia traspasando os limiares do Outro Mundo dende a fantasía máis desbordante, ao horror máis absoluto.

Sobre o compoñente narrativo, penso que toda obra o ten. Aínda que un non o pretenda, todo álbum establece a súa rede de relacións. Pero é certo que todos os meus discos están pensados como un todo, unha construción que corresponde a unha soa metáfora. Tamén é certo que sempre tiven predilección por escoitar discos conceptuais. Aínda que teño a seguridade de que un disco se converte en conceptual polo mero feito de dicir que o é. Esta metáfora no caso de Koroiev era o viaxe. O mítico relato occidental do viaxe do heroe ao que se refería Campbell no ‘Héroe de mil caras’. O monomito, que está multiplicado en multitude de novelas, series de animación, videoxogos cos que convivimos desde pequenos. A chamada á aventura, o gardián do limiar, os retos, o abismo… iso estaba en ‘Hechos Tocantes ao Xoven Kostia Bogomov. Moradores do Outro Mundo’ (Autoproducido, 2013). Ou iso pensaba eu. O monomito ten un retorno, o heroe trae de volta esas vivencias con ‘os outros’. Podemos dicir que é un relato occidental con certos tintes colonizadores. Pero Bogomov non volve. É un exiliado. É outro tipo de viaxe. Non é un heroe. É un viaxe de ida ao outro mundo, ao inframundo, non hai regreso para contalo. Quen o conta entón? Koroiev fai de cronista. É o narrador cuxa identidade espero atopar ao final do relato, dentro de un par de discos máis”.

A primeira aventura de Koroiev é “Hechos Tocantes ao Xoven Kostia Bogomov. Moradores do Outro Mundo” (Autoprodu

Olla os seus discos na nosa tenda online!