Legítimo Polvo

Synth punk intenso ou post punk electrónico moi persoal e excitante

Legítimo Polvo é o proxecto de Mack Páramo (Los Thyssen, Thee Boas, Psychotic Acid Freek). Synth punk intenso ou post punk electrónico moi persoal e excitante a cargo de un dos grandes axitadores do underground galego… A música para Mack “significa que sigo vivo, facer movidas e ir tirando, pásoo ben facendo temazos. Abúrreme facer sempre o mesmo, algo contraditorio porque me encanta a música repetitiva. Aínda dentro do loop, do drone e da repetición máxima nunca fixen dous grupos iguais… e a miña forma de traballar nunca é a mesma”.

Con respecto a Legítimo Polvo afirma que “tiña gañas de facer algo diferente, a música que levaba facendo durante anos sátime xa e necesitaba novos estímulos. Tocando con Pablo (Nüca) en World Rally Boys decateime de todo o que tiña por descubrir no mundo da electrónica, pero a min tirábame máis o EBM que o IDM”.

O seu son é un synth punk intenso con letras moi directas, aínda que el o define como “Crazy frog, o veciño co taladro dando por culo, a grúa pitando e a motoserrra que escoito a diario en Guantánamo sobre un ritmo ben machacón… Iso e os Happy Mondays, Fotocopia, The Soft Moon, JAMC, Boy Harsher, Cabaret Nocturne e cousas así”.

En 2021 asóciase con Nüca para poñer en marcha “WRB Split” (Ferror Records, 2021), un split editado en cassette polo selo ferrolano Ferror Records no que cada proxecto aporta tres temas.

Pablo (Nüca) explica o xermolo deste proxecto: “A Mack coñéino nun dos seus bolos con Psychotic Acid Freek. Gustábame moito a súa música e parecía un tipo moi agradable. A partir de aí decidimos mesturar os nosos estilos e crear World Rally Boys, carismático dúo de colgados. Tras disolvernos, Mack marchou á meseta a buscar fortuna e eu me centrei máis no meu novo proxecto: Nüca. Coa chegada da corentena, recuperamos por redes o contacto e decidimos publicar este traballo conxuntamente, axudándonos o un ao outro coa produción e a mestura”.

Con respecto ás cancións, Mack afirma que non tiña ningunha idea concreta con elas: “ningunha en particular, programar un ritmo e tocar por encima a ver que sae, normalmente comezo coa guitarra supoño que por costumbre, unha vez me sae un riff ou algo guapo paso ao sintetizador para que non quede tan rockeiro e a guitarra xa queda para facer algún arranxo, ruído e merdas varias”.

Pablo por súa parte afirma que “a nosa idea foi a de facer contraste entre o electropostpunk de Legítimo Polvo e a electrónica densa de Nüca, facendo un desglose dos sons e melodías de cada un de nós cando tocábamos en WRB. Fomos distanciándonos un pouco en canto a estilos musicais, e iso unido á distancia e ás dificultades para reunirnos, fixo que tomáramos a decisión de facer un split dividido en dúas caras, unha para cada proxecto. Tamén xurdiu como idea para sacar unha edición física en cassette, que pronto verá a luz”.

A gravación foi “caballitaso espeso. Gravé todo cunha gravadora dos 80’s que satura moito. É de tolos, ¡en serio!, e acabou sonando a lata e guarro… pero mal. Tiven que gravar todo varias veces para saturar o xusto e que a batería non soase a pedo”.

As letras é un aspecto coidado. “ningunha das cancións trata sobre algo de actualidade, quizais a única ‘Cierra el pico’, que vai sobre mítico brasas que ben podo ser eu ás veces. ‘Miseria’ vai un pouco sobre o meu eu do pasado e ‘Quero matar a Stavros’ trata sobre ‘Double Team’ (Tsui Hark, 1997). Unha película de Van Damme, Dennis Rodman e Mickey Rourke. Stavros é o malo e Jack Quinn (Van Damme) é un tipo que sabe demasiado, moi valioso como para matalo e moi perigoso como para deixalo solto. É un pouco o rollo como o capítulo ese dos Simpsons no que Homer se fai chamar Sr. X e publica merdas en internet. Agora que me dou conta, levábano á illa por poñer non sei que merda sobre a vacina da gripe”.

Olla os seus discos na nosa tenda online!