nombre de la banda

Unha sórdida película en branco e negro
LOE LOF LON é o proxecto persoal do vasco Gori Valarez, «LOE LOF LON non ten significado, son as tres primeiras palabras que escribiu por primeira vez na súa vida a miña filla de tres anos, un absoluto acto de improvisación» explica.
Un proxecto co que persegue un obxectivo claro: «tentar destrozar o convencional respecto á arte, romper a fronteira entre arte e vida, defendendo a liberdade do individual, a espontaneidade, a inmediatez, a imperfección, o azar, buscando unha linguaxe musical libre e sen limitacións. Detrás do proxecto está a procura do casual, case todo o que soa no disco son primeiras tomas, experimentacións, xogando con antónimos e buscando puntos de encontro entre as cancións«. Aínda que o resultado do seu traballo ten unha marcada personalidade, Gori recoñece asimilar gran cantidade de estilos e músicas, «podería falar de moitas referencias pero vou darche tres ou catro: Velvet Underground, a forma de tocar de Lou Reed e John Cale está sempre na miña cabeza cada vez que collo un instrumento. Miles Davis, nalgunha época de forma obsesiva, sobre todo os seus primeiros anos eléctricos. Da No Wave neoyorquina quédome con DNA, o grupo de Arto Lindsay. Fugazi, pola súa actitude, o seu son e todo o que representa. A partir de aí podes engadir moito free-jazz, jazz modal,… e por suposto pioneiros da música experimental como John Cage«.
A súa primeira referencia chega en 2016, «Conventional Elements» (Muteant Sounds / Mist Records / Ferror Records, 2016). «Todo parte de gravacións realizadas na casa, son instrumentais, sen ideas preconcebidas, improvisacións, buscando o casual. O álbum é o resultado das gravacións realizadas entre xaneiro e abril de 2016» apunta. Trátase dun disco que parte da autoxestión, pero Gori establece contacto con dous netlabels, un americano (Muteant Sounds) e outro chileno (Mist Records), “foi todo un pouco por casualidade. Cando rematei a gravación, axudado polas redes sociais, etc, fun movendo a miña música. Estes selos interesáronse enseguida polo que facía e aí comezou a colaboración. Úsoo basicamente como plataforma de distribución para dar a coñecer o proxecto LOE LOF LON”. En maio de 2017 realízase unha edición física do disco a cargo de Muteant Sounds (USA) e Ferror Records (Ferrol).
O álbum é elixido pola prestixiosa emisora alemá NBT Music Radio dentro dos 230 mellores discos de 2016… «Con Muteant Sounds abríronse moitas portas. Axudáronme coa promo, conseguindo repercusión internacional. O disco soou en emisoras de radio de moitos países. Entrar entre os mellores discos de 2016 para a emisora alemá foi unha auténtica sorpresa, a verdade… non participamos en ningún proceso, foi criterio propio da emisora. Un gustazo, a verdade”.
A improvisación é o fío condutor da súa segunda entrega: “LOE LOF LON Meets Wayne Rex» (Muteant Sounds / Sê-lo / Ferror Records, 2017). Un disco que chega tras a gran acollida de “Conventional Elements” (2016).
Gori coñece a Wayne Rex a través do selo americano (Muteant Sounds), un músico que se considera «drumer&improviser» e que está moi metido en varios proxectos de música free jazz e experimental. “Todo comezou como unha broma, escoitei unha improvisación súa dun só de batería pasado posteriormente por un pedal wah-wah… e gustoume. Propúxenlle que mo pasase e eu gravaría algunha improvisación por riba. De aí naceu o tema ‘THIS IS WHAT D&B #2’, é o primeiro tema da nosa colaboración. O resto dos temas seguen esa mesma filosofía, el enviábame varias improvisacións de batería, gravadas en Inglaterra, e eu traballaba sobre elas en España, practicamente levando a cabo improvisacións, primeiras tomas. Así todas as cancións excepto dous bosquexos de temas nos que o proceso foi á inversa, eu envíeille os temas e posteriormente el meteu as baterías” apunta Gori.
A nivel sonoro a improvisación é a gran protagonista, unha improvisación guiada polo ruidismo, o noise, o jazz máis mecánico e industrial e a electrónica crepitante… “teño unhas influencias moi eclécticas,… un extracto do que o cerebro foi absorbendo ao longo dos anos. Por exemplo: Eric Dolphy, Art Ensemble Of Chicago, Ornette Coleman, Augustus Pablo, King Tubby, Pere Ubu, os Clash do ‘Sandinista’, DNA, Glenn Branca, Mikel Laboa…” explica Gori. Unha viaxe intensa e altamente recomendable, guiada pola experimentación e a ruptura de barreiras sonoras.
O disco é editado en CD por tres selos, o ferrolán Ferror Records, o netlabel americano Muteant Sounds e o brasileiro Sê-lo.
En 2019 chega «Bad Beats» (Ferror Records / Muteant Sounds, 2019). Sete novos cortes editados en vinilo 10″ e en dixital sobre os que nos comenta: «O resultado é un álbum desconcertante, con alto contido emocional, modestamente creo que atractivo, cun punto imprevisible, caótico, de baixa fidelidade, marcado pola espontaneidade e a diversión, non apto para os que teñen unha columna vertebral débil. Espero que sexa calquera cousa menos aburrido.
Non tiña moitos obxectivos para este disco, ao final trátase de facer música sen pretensións, nin expectativas, facer un pouco o que che dá a gana, que che resulte estimulante, pero sen pensar no resultado final, é a mellor forma de aceptar o que veña. Facer música marca un estilo de vida. Sempre haberá xente que vive de acordo coas normas e se acomoda ao normal. Pero tamén hai xente que non quere ser tan estándar. Non se trata de rebelarse contra algo en particular, senón contra a normalidade«.
Con respecto á gravación afirma que «a miña forma de traballar continúa sendo a mesma, non busco a perfección senón máis ben a naturalidade da inmediatez, a intuición, mantendo sempre as emocións no seu estado máis cru. As gravacións fíxenas na casa o pasado inverno sen ideas preconcebidas. Trátase de música doméstica,… compoñer e gravar na placidez da miña casa ten moitas vantaxes, a nivel de organización,… poder facelo de forma relaxada… Optei por ir compartindo as demos en Soundcloud segundo as ía realizando, sen a idea clara de utilizalas para un novo disco. A demo chamábase así ‘Bad Beats’, e así quedou finalmente o título do disco, respectando un pouco ese espírito maqueteiro, feito con certa mentalidade nostálxica.
As novas cancións están marcadas pola experimentación cos trebellos que teño, caixa de ritmos, sintetizadores, pedais, delays, etc… Son os meus xoguetes, trátase de xogar con eles e gravar, de aí saíu a base, o esqueleto, a estrutura da canción. O título ‘Bad Beats’ vén de aí, de xogar coa caixa de ritmos. Logo vístoo cos instrumentos máis “serios”, guitarra, piano, saxo, melódica. É o propio proceso de creación e experimentación o que marca o desenvolvemento do álbum. A portada do disco, inspirada nos faders dunha mesa de mesturas, consegue destacar pola súa sinxeleza e forza. Foi realizada polas irmás Piedad e Carmen Ortiz«.
Mentres que no seu traballo con Wayne Rex se respiraba un maior aire jazz e de improvisación, aquí volve predominar a electrónica escura… «Si, si, é así. O estilo de Wayne tocando a batería impregna sen dúbida o disco anterior cun profundo aire jazzístico que me flipa. Neste disco elimino de novo a batería e traballo realizando bases con caixas de ritmos, nese aspecto é unha volta ao primeiro álbum ‘Conventional Elements’ (2016), son moi fan de Can e The Velvet Underground, así que adoito preferir unha base rítmica monocorde, minimal e repetitiva. Hai unha psicoloxía moi interesante en todo o relacionado coas estruturas repetitivas. Gustaríame que a miña música fose anti-xénero, cero estereotipada, se queres poderiamos definila como música electrónica para público rock«.
A finais de 2023 chega o EP: «Le Mat» (Ferror Records, 2023). Un traballo que mantén esa esencia deconstrutiva do proxecto, achegándose máis ca nunca ao punk e á new wave. Un proxecto co que persegue un obxectivo claro: “ese tratar de destrozar o convencional respecto á arte, romper a fronteira entre arte e vida, defendendo a liberdade do individual, a espontaneidade, a inmediatez, a imperfección, o azar, buscando unha linguaxe musical libre e sen limitacións. Non hai nada que me arraigue a un determinado estilo ou período de tempo. A miña música é moi conceptual, moi en sintonía co que ocorre.
Sempre pretendo que LOE LOF LON sexa estridente, que te desafíe constantemente. Atreverte a facer cousas das que non esteas seguro se funcionarán, compoñer con instrumentos cos que non te sintas realmente cómodo. Pasábame moitas veces que non sabía o que estaba facendo, pero soaba abraiante.
Dende o inicio do proxecto LOE LOF LON tratei de construír unha linguaxe ‘propia’ e rematei con este modelo de son salvaxe, lo-fi, altamente non convencional. Creo que unha das cousas que non me gustan do negocio da música é o perfeccionismo ao que chega a xente ás veces… demasiado refinado para min…”.
Olla os seus discos na nosa tenda online!