Mentah

Power dúo intenso e emocional

Klüte despedíanse cando estaban no seu mellor momento, despois de entregar un disco redondo como «No Youth» (CGTH / Sello Bramante / H / Rufus / Sweet Grooves / Bartolini / Hold Your Ground, 2017). Das súas cinsas nace Mentah, power dúo de Ferrol (A Coruña) no que nos atopamos con Car (guitarra e voz) e Julián (batería e coros).

“Despois do final de Klüte estivemos uns meses parados ata que un día Julián propuxo quedar na súa casa. El vive nunha casa apartada de todo e montou alí a batería, xuntabámonos de cando en vez para pasar o rato e desfogar un pouco… Os dous aprendemos a tocar xuntos desde pequenos e sempre nos entendemos moi ben. Pouco a pouco vimos que nos gustaba o que xurdía así que decidimos poñernos máis en serio e comezar a pechar temas en lugar de só xuntarnos para facer ruído e improvisar…” explica Car.

O proxecto vai collendo forma pouco a pouco e deciden bautizalo como Mentah. “A verdade é que veu dunha maneira un pouco tonta. Aínda non tiñamos decidido o nome e, nunha viaxe a Malaisia, Car viu que ‘mentah’ significaba ‘cru’ en malaio, propúxoo, gustounos como soaba e tamén un pouco o significado”.

O seu son conecta co hardcore melódico ou emocore, e con bandas como Nada Surf, New End Original ou Rival Schools. “Aínda que somos conscientes de que o que facemos soa moi emo, en ningún momento foi de forma consciente facer algo dese estilo en concreto. Estamos abertos a todo, preferimos deixarnos levar polo que vaia xurdindo de forma natural á hora de compoñer. O das etiquetas complícanos un pouco”. Con respecto ás bandas que lles teñen influído, comentan que “os dous coincidimos nalgunhas bandas como por exemplo Nada Surf, pero cada un ten as súas influencias. A banda favorita de Car, por exemplo, é Karate, e sen dúbida Geoff Farina será o artista que máis o ten influído na maneira de cantar e quizais xente como Bob Mould de Hüsker Dü, na maneira de tocar a guitarra. Julián sempre tivo debilidade por Red Hot Chili Peppers, pero á hora de tocar a batería ábrese a calquera estilo: funk, punk rock, reggae…”.

O seu primeiro traballo é o EP “New Beginning” (Ferror Records / Pundonor Records / CGTH Records / Theia Records / Sounds Like Sunday Records, 2020). Un traballo editado en vinilo 7” que supón unha brillante carta de presentación.

“Un novo comezo… sobre todo porque é algo novo para nós. É a primeira vez que tocamos en formato dúo e imos aprendendo sobre a marcha ‘truquiños’ para sacarlle máis partido aos dous instrumentos e conseguir encher cada vez máis a pesar de sermos só dous. Cambian moitas cousas con respecto ao que fixeramos antes, desde a maneira de tocar, as baterías teñen moito máis protagonismo, a disposición dos amplis, moitos máis pedais de guitarra… Ao final é un pouco como empezar de novo desde ‘cero’”.

Con respecto á gravación indican que “temos que agradecer tanto a Fernando Mejuto como a Gabi de La Cortina Roja a súa implicación desde o primeiro momento. Estamos contentísimos co son do disco e isto sen dúbida é grazas a eles, non só nas tarefas de gravación e produción, senón tamén á hora de orientarnos en como utilizar os recursos que tiñamos para sacarlle máis chicha aos temas. A raíz de estar con eles no estudio e grazas a algunhas propostas que nos fixeron comezamos a soar moito mellor en directo”.

Olla os seus discos na nosa tenda online!