Músculo!

Electrónica bailable con tintes kraut, indie e noise
Músculo! son Raúl Santiago, Álvaro Blanco, Ángel, Javier e Nicolás. A súa aventura comeza a principios de 2012 en Valga (Pontevedra) coa intención de desenvolver electrónica bailable con tintes kraut, indie e noise. A maior parte dos seus compoñentes proceden de Noise Project, formación que apostaba firmemente polos desenvolvementos post rock, shoegaze e noise rock con letras en galego.
O seu nome non fai referencia a ningunha razón concreta: “A verdade é que nin nós mesmos o sabemos. Buscabamos un nome curto, contundente e con forza como a nosa música e ocorreusenos este”.
En febreiro de 2012 presentan unha maqueta con tres temas que presentan ao concurso Proyecto Demo – concurso de maquetas de Radio 3 e o FIB – e acadan as semifinais. Téñeno claro, saben que son “rítmicos e melódicos, ruidosos e bailóns, guitarristas e electrónicos, distorsión e bombos machacóns, sintetizadores e baixos pesados, voces agresivas, letras directas e mensaxes incómodas. Algo así como se Sonic Youth versionase o «XTRMNTR» (Astralwerks, 2000) de Primal Scream». O certo é que o seu é a indie-electrónica, fusionar sons electrónicos con instrumentos tradicionais, o analóxico e os ordenadores. En canto ás súas influencias falan de Silver Apples, Primal Scream, Suicide, Caribou e Holy Fuck.
En 2013 presentan o seu primeiro traballo, o EP “Selección Natural” (Músculo!, 2013). Catro cortes intensos e autoproducidos –“Nós autoproducimos a nosa música e tamén facemos a función de manager. Somos autosuficientes”– con sons pensados para o directo e para que o público non deixe de bailar. É dicir, melodías contundentes, bases rítmicas efectivas e efectos electrónicos claros e concisos.
O 2013 é un ano importante no crecemento do grupo: son invitados por Schwarz para participar na súa xira galega; e son os teloneiros dos brasileiros Cansei de Ser Sexy na sala Capitol (Santiago de Compostela). Ademais, participan xunto a Wild Balbina, Chucho e Holy Crab no Festival Sereas e Piratas (Carballo, A Coruña).
Ao mesmo tempo, Álvaro Blanco pon en marcha o seu proxecto persoal Incurable, lanzando un EP dixital homónimo.
Un ano despois chega o seu segundo EP: «Vivac» (Músculo!, 2014). Catro novas xoias bailables con ecos de Tangerine Dream, Caribou e Primal Scream. A banda prepara con mimo o seu primeiro longa duración, disco que non chega ata 2018: «Músculo!» (Autoproducido, 2018). «Uns meses despois de sacar ‘Vivac’ houbo un cambio de formación que nos permitiu mergullarnos e explorar sons máis electrónicos, tivemos que adaptar todas as nosas cancións a un novo formato ao tempo que traballabamos en ideas novas. Aínda que o disco estaba case rematado en 2016 non puidemos publicalo ata agora por diferentes razóns, unha delas é que intentamos ser moi perfeccionistas co que publicamos e iso leva tempo«.
Un disco que pecha e abre unha nova etapa, rompe co anterior, intentando humanizar a electrónica actual (Caribou, Jon Hopkins, Fuck Buttons, Four Tet, The Field…) para levala a estruturas e atmosferas propias doutros xéneros. Ese concepto de ruptura é o que recolle Deif Lou no seu espectacular deseño de portada, combinando escultura e fotografía: «O punto de partida ou referente principal é o universo onírico do Surrealismo e en especial as pinturas de Yves Tanguy. Polo tanto é difícil acoutar e explicar de forma racional a imaxe de portada sen ao mesmo tempo pervertela e afastala da súa realidade difusa e ensoñadora, elemento esencial á hora de ser contemplada por un espectador. A miña visión da imaxe unha vez realizada (o mundo que me monto ao seu redor) remite á caída do clásico, reflectida nos anacos de escultura humana, e ao xurdimento de figuras novas aínda por formar a partir diso. A min lévame a pensar nun mundo de mármore e escaiola. Pero como dixen, estas son apreciacións xurdidas a posteriori. Cada quen debería completar a imaxe co seu propio imaxinario» explica Deif Lou.
Músculo! quedan establecidos como cuarteto con Raúl Santiago, Álvaro Blanco, Javier Buela e Niko.
En 2023 fichan polo selo ferrolán Ferror Records, co que editan o seu traballo máis completo ata a data: «Ulla» (Ferror Records, 2023). Un traballo que deixa claro o seu crecemento e evolución.
O Ulla como continente de recordos e vivencias. Como a terra, a auga e a pedra sempre presentes: «O Ulla e a súa contorna é o que vemos todos os días, é a paisaxe de fondo de case todo o que nos pasou desde que eramos nenos. Dalgún xeito acaba dentro do noso subconsciente e remata sendo parte dun mesmo. Alí vivimos momentos irrepetibles e inconscientemente tiñamos unha necesidade vital de darlle un papel importante neste disco. Non deixa de ser unha homenaxe ao Ulla pero tamén é unha forma de amosarnos tal e como somos«.
O concepto do disco xorde «mentres compoñiamos a canción ‘Ulla’ e a partir de aí comezamos a construír todo o concepto do disco. Para a portada queriamos algo que tivese o río Ulla como protagonista. Saímos co noso amigo Carlos Beiró a capturar a contorna cun dron e aí atopamos a imaxe para a portada. Do deseño encargouse Rubén Domínguez (Prenom, Pantis, Telephones Rouges)«.
A nivel sonoro percíbese unha evolución clara e conseguen soar como sempre pretenderon: «Neste disco deixámonos levar a nivel de composición e de son. Onde no pasado nos autocensurabamos agora atopamos a nosa maior inspiración. Tivemos especial coidado en ir producindo e mesturando durante a composición e gravación, de tal xeito que sempre fomos conscientes do resultado final. Cremos que o disco é moi variado, aínda que todas as pistas teñen algo en común: saíron dunha forma moi natural, sen forzar. Liberdade absoluta. Para a masterización contamos con Eloy Platas (Lume), que cremos fixo un moi bo traballo. O son deste disco é o resultado da experimentación e do aprendido en traballos anteriores. É a nosa evolución natural. Usamos texturas de todo tipo: momentos limpos e preciosistas, pistas distorsionadas ata o seu límite ou pads entrecortados e quebrados. Abundan as seccións de corda que achegan os momentos máis emotivos e instrumentos orgánicos integrados nun entorno electrónico. Facemos electrónica, case sempre buscando un son orgánico«.
Téñeno totalmente claro, e quen se mergulle no disco tamén: «Este é o noso traballo máis persoal, do que estamos máis orgullosos e no que cremos que nos achegamos máis a onde queriamos chegar, tanto a nivel de concepto como de son. A xente atoparase cun disco sobre todo sincero. Estamos moi contentos co resultado e esperamos que sexa un punto de inflexión na nosa carreira como grupo. Este é un disco para deixarse levar e bailar serio«.
A formación queda establecida en formato trío con Raúl Santiago, Álvaro Blanco e Manuelao (Copa Turbo).
Olla os seus discos na nosa tenda online!