Nüca

Experimentación e frescura

Detrás de Nüca está o ferrolán Pablo Saénz Carballeira, quen nun 2020 especialmente prolífico entrega dous interesantes EP’s: «Gnosis» (Prinzedom Records / Ataque!, 2020) e «Niké» (Ferror Records, 2020). O seu son deixa entrever un pasado musical ligado ao krautrock, postpunk, shoegaze, combinado cun presente onde estes primeiros paseos se mesturan con inquedanzas próximas ao IDM, ambient, deep-house, música experimental.

Nüca bebe do IDM, ambient, deep-house e a experimentación… “o meu son comeza coa repetición circular de sons de sintetizador ambientais e drones, cun acompañamento rítmico achegado por Drum Machines analóxicas. Quería recuperar ese son retro-new-wave, sen empregar ordenador nos meus directos. Últimamente, debido á ausencia de concertos e aos meus estudos persoais en deseño de son, estou pasándome máis ao mundo dixital, abarcando outros estilos como o IDM, o ambient e o drum and bass” explica Pablo.

Con respecto aos seus comezos, comenta que «comecei tocando o baixo na escena galega cun proxecto chamado Omadroma, no que intentabamos combinar a influencia de The Brian Jonestown Massacre con referentes do noise e o shoegaze como poden ser Sonic Youth ou My Bloody Valentine. A continuación veu Vale!Gringo, un proxecto quimera no que xuntei a colegas que bebían de diferentes estilos para facer un grupo de postpunk moi bizarro, co que tocamos nos principais centros sociais galegos. Despois dei o salto á electrónica, acompañado esta vez de sintes e caixas de ritmos, con World Rally Boys, no que compartía escenario con Mack Páramo (Thee Boas, Lexítimo Polvo, Psychotic Acid Freek), e conseguiamos soar a Ty Segall e aos Happy Mondays. Tamén colaborei na organización de concertos co colectivo Pequena Morte Subrecords, e como baixista noutras organizacións como Wahyaba«.

O nome de Nüca, afirma, «provén dunha brainstorm que fixemos Lúa Gandara e máis eu mentres montabamos o proxecto Pasodoble. Propuxen o nome de Nuca e descartámolo, porque había moita xente que tiña nos seus proxectos nomes de partes do corpo (Músculo!, Rótula, Colo… e un longo etc.). Cando se disolveu o proxecto, eu decidín continuar individualmente, e ese nome gustábame, pero para marcar unha boa distinción decidín engadir a diéresis para facer máis distintivo o nome. A Ü é ademais unha cara feliz (risos)«.

Con respecto ás súas influencias directas ou indirectas, indícanos que “a nivel de artistas de sona mundial, o primeiro que destacaría sería a Richard D. James (Aphex Twin, AFX), polo contraste entre colchóns de sintes ambientais e ritmos rotos, que me acompañan desde que son rapaz, e tamén Boards of Canada, Autechre, e Squarepusher. A nivel de influencia directa podería mencionar ao meu colega Carlos Lagarto, que me puxo en contacto cos aparellos e máquinas que hoxe uso en Nüca, e incluso deseñou o set que utilizo a día de hoxe nos meus bolos. Tamén me gustaría mencionar a Andrés Aguya (Speed Gonsales) e Alex Aller (Jus Kno´) por achegarme ao mundo da produción e deseño de son dentro do ordenador”.

Remata 2020 entregando «Niké» (2020), un EP que trae moita cor e novas texturas e que chega da man de Ferror Records… “A miña intención era fuxir da escuridade, da repetición e dese bombo a negras constante que se ve en Gnosis. Incluín guitarras en Deep Cumbia e Pájaro, Glitch en Niké, e engadín progresións aos temas para fuxir do loop, centrarme no espectro agudo en lugar de cinguirme ao bombo e ao baixo. Ademais, Gnosis foi producido por Coque Dosil, mentres que este é o meu primeiro proxecto como produtor, e iso nótase no resultado final…

Niké é unha alegoría das catro estacións desordenada, tratándose de ‘Deep Cumbia’ o verán, ‘Niké’ a primavera, ‘Mareo’ o outono, e ‘Pájaro’ o inverno. Deste xeito intentei darlle un significado e sentido a este EP, e paréceme que a ilustración de Teresa acompaña perfectamente esta historia”.

Ten o seu futuro moi claro, “tras a publicación deste EP e a emisión do próximo directo para Concertos en Sala Xacobeo 2021, pretendo poñer punto e aparte neste ciclo que levo, e replantexarme certas cousas. Redefinir o set, incluír DAW, samples, mellorar o son, incorporar proxeccións e incluso vincularme máis a outros subxéneros de electrónica son ideas que levo pensando moito tempo. Toca pecharse uns días e compoñer novas cancións, xa que ultimamente non me ofrecen moitos espectáculos, supoño que polas circunstancias excepcionais que vivimos”.

En 2024 chega o single “Cült” (Ferror Records, 2024). Con este traballo podemos ver o proceso de transición do artista, abandonando sons analóxicos obsoletos para substituílos por texturas e atmosferas.

Olla os seus discos na nosa tenda online!