Pablo Leira

Folk pop con cadencia americana

O ferrolán Pablo Leira, con apenas 23 anos, vén de cursar un título en interpretación de guitarra no Berklee College of Music, en Boston, onde recibiu unha bolsa e obtivo premios como o John LaPorta en 2019 e o premio Jimi Hendrix en 2020. Na actualidade acompaña na súa xira a Andrés Balado e tamén colabora con Los Eternos. Pero, ademais, hai pouco máis de dúas semanas, rexistraba o que é xa o seu primeiro disco de estudo, nos RRStudios de Danny Abeledo e Melo García en Ferrol. No traballo, de corte country, colaborou xente talentosa como Álvaro Lamas coa súa steel guitar, Pepe Coira á harmónica, Rafa Pereira ao baixo e Cabe García á guitarra e ao banjo.

“Todo comezou co meu pai, que atopou traballo preto de Philadelphia cando eu tiña 17 anos e ao non verme pola labor de facer ningunha carreira prantexeime en serio o de intentar dedicarme á música. Xa oira falar de Berklee e agora que o meu pai marchaba xurdiu a oportunidade de intentar facer a audición. Non ía moi confiado, pero ao final todo saíu ben e puiden estudar alí, chegando a ter a sorte de recibir os premios John Laporta en 2019 e logo o Jimi Hendrix en 2020 e graduarme cun grao en guitar performance en 2021” afirma.

As súas influencias son das máis diversas: “Pois moitas diferentes. Cando era neno empecei escoitando aos Beatles, e logo comecei a escoitar grupos como AC/DC e Led Zeppelin, do que me obsesionei durante toda a miña adolescencia. Logo xa fun variando máis, empezou a interesarme xente como Iván Ferreiro e Xoel López, logo Los Planetas e The Band, e por último obsesioneime con Dylan un par de anos. Pero sempre escoitando moita música e moi diferente (e buscando a seguinte obsesión)… Non me considero un gran compositor nin un moi prolífico (pero tampouco me considero principalmente un escritor). As cancións sáenme cando me saen, e son xeralmente un reflexo do que me ocorre nese momento da miña vida. Podo ter unha semana na que podo escupir o esqueleto xeral de 6 cancións como logo estar 3 meses sen escribir unha soa. Intento que a música e a letra reflictan o sentimento máis real que queira transmitir. En canto ás cancións, todas falan un pouco do mesmo. Escribín este disco na súa maioría en Nova York, onde arranxei algúns temas que xa tiña escritos e combineino co mellor que me saíu nese momento, e como xa dixen, falan un pouco de toda a situación que vivín alí”.

A gravación transcorreu con calma, coa participación de veteranos músicos ferroláns da talla dos ex Limones Rafa Pereira ou Álvaro Lamas, quen achega a súa inconfundible steel guitar, Cabe García ou Pepe Coira: “a gravación foi un caos. Fomos gravando primeiro entre o piso onde vivía eu e o cuarto de Alec, pasando unha vez por un estudio para gravar unhas baterías. Fomos mesturando e gravando nós, pero chegou un momento no que caímos na conta de que non iamos ser capaces. Xa en Ferrol púxenme en contacto con Danny, co que xa gravara antes, e presenteille o proxecto. Despois da súa respectiva bronca por todo o lío que montamos, púxose a traballar coma un tolo e meteuse de cheo na tarefa de sacar este disco adiante, regravando partes que fixeran falta, engadindo ideas e chamando a algúns colegas para que tocasen. Aí é cando coñecín a todos, primeiro a Rafa, que é un absoluto 10 como persoa e músico e deixou un baixo chulísimo. Logo a Álvaro, que foi todo un descubrimento, porque ademais é unha das persoas máis musicais que vin na miña vida, ademais dun instrumentista impecable. A Cabe xa o vira tocar, e velo en directo tocando o que toca foi todo un pracer e un espectáculo, e por último a Pepe, que non só ten unha das mellores historias persoais de todo o mundo, senón que ten un gusto e unha personalidade tocando que non teñen rival”.

O músico ferrolán Pablo Leira presenta “Dirt, Wood & Grass” (Ferror Records, 2023), un novo disco marcado polo son americana, o intimismo e o folk máis persoal. Con respecto ao disco, afirma: “Intentei que o disco contase unha historia coherente, e aínda que pareza que non, se pos atención aos detalles está aí, só que me esforcei moito en camuflala detrás de todo, porque é un disco moi persoal para min e non quería ser brutalmente explícito. Aínda que si, hai unha historia, e é unha historia real dos meses que pasei”.

Pablo, ademais, establece contacto coa banda de Cedeira Los Eternos, establecendo unha intensa colaboración. Eles acompáñano en directo, e el pasa a formar parte da banda.

Olla os seus discos na nosa tenda online!