Positronic Future

Pequena nave de sons e destelos
A ferrolá Positronic Future preséntanos a súa pequena nave de sons e destelos. “O nome acompáñame desde que me atrevo a colgar a miña primeira canción no MySpace. A inspiración vén da miña fascinación naquel momento coa era atómica que derivou no ‘movemento retrofuturista’, a ciencia ficción ou a utopía e distopía tecnolóxica. É un xogo de palabras do positrónico en oposición ao electrónico e de futuro como unha homenaxe nostálxica a un futuro tecnolóxico fallido”.
Todo remóntase á súa época de estudante de Belas Artes… “Comezo a mergullarme nas posibilidades da electrónica como ferramenta de creación a comezos dos 2000. Estaba a estudar Belas Artes e nese momento todo o relacionado cos novos medios dixitais e plataformas para a experimentación estaba moi presente. Sempre me levara ben cos ordenadores, así que comecei a traballar con programas de composición de son accesibles para unha principiante, o que abriu unha nova dimensión para min que ía máis alá de pintar un cadro ou montar unha exposición”.
Positronic Future é un proxecto de electrónica profundamente ambiental, persoal e orixinal… “David Bowie foi a miña gran influencia desde a infancia, pero dentro da electrónica, artistas como Kraftwerk, Felix Kubin e bandas post-punk e minimal wave moito menos celebradas, marcáronme moito. As miñas influencias indirectas son bastante diversas, interésame case todo, sempre que teña algo de escuro ou algo de abxecto”.
O seu primeiro traballo é un EP que se vai presentando en forma de singles, sendo o primeiro deles “Morpheus” (Ferror Records, 2022). “Este primeiro traballo está vencellado a un momento persoal moi concreto con grande inspiración no onírico e marcado pola morriña. Deixando atrás o software, pouco a pouco fun iniciándome no mundo dos secuenciadores e sintetizadores clásicos e construíndo unha ‘pequena nave de sons e destelos’ que utilicei para abstraerme un pouco de todo o que estaba a acontecer. Dediqueime a explorar e aprender e o proxecto foi tomando forma. Era un reto persoal.
O proceso de composición foi bastante solitario, excepto cara o final, que puiden contar con colaboracións moi importantes de amizades que me axudaron a pulir detalles cos seus arranxos e axuda nas mesturas (Tony Ramírez, de TechnoChico), voces (Georgia Kalogeropoulou) e o gran traballo gráfico da miña irmá Paz Medina”.
Atopámonos con atmosferas evocadoras e unha electrónica moi ambiental. Ela define o seu son como “nocturno, épico, rozando o intenso, romántico… con algo de psicodelia e buscando a autocompracencia”.
Olla os seus discos na nosa tenda online!