Quant

Escapismo pop
En poucas ocasións atopámonos un grupo como os ferroláns Quant, un conxunto de románticos aos que une o seu amor ao pop e a busca continua da canción perfecta. Unha utopía? non cando a maxia está do teu lado. A banda foi medrando pouco a pouco con cada EP autoeditado que foron regalando aos que nos achegamos polos seus concertos buscando esas letras desenfadadas e esas guitarras cristalinas que conseguen debuxarnos un sorriso na cara.
Os seus primeiros pasos remóntanse ao 99, con vocación amateur e son maqueteiro –sempre estiveron orgullosos del-, gravan as súas primeiras cancións –hoxe aínda inéditas-. Hai que agardar ata o 2004 para poder escoitar a súa primeira maqueta "Add Some Music to Your Day" (2004), catro cortes nos que profesan amor eterno aos Beach Boys, Teenage Fanclub, Elvis Costello e Rubinoos. A gravación de maquetas sucédese con rapidez, gravando unha por ano ata o 2009. Nelas atopámonos con brillantes temas propios e acertadas versións como as do "Between us" de The Rutles, "Bubblegum factory" de Redd Kross e o "Pois eu" de Andrés do Barro que incluirían tamén no "Manifiesto do Dobarrismo: Un Disco Tributo a Andrés do Barro" (Falcatruada, 2007). Aínda que a formación está composta por Oscar Quant -guitarra, teclado e voz-, Alberto Amigo -baixo e voz-, Rubén Coca -guitarra e voz- e Fernando Marta -batería-, nas gravacións contan con colaboradores asiduos como Kike Quijano, Cintia, Dani Alonso –Boy Elliott & The Plastic Bags-, Rogelio Arias –Roger de Flor– e Amparo Arias.
As súas cancións comezan a inundar fanzines, recompilatorios -Radio Filispim, La Fonográfica General, os do selo Bon Vivant…- e singles de vinilo ata que o 27 de maio do 2007 prodúcese un dos feitos máis gloriosos para a banda, tocan no mítico The Cavern de Liverpool, o berce dos Beatles. Posteriormente incorporaríase Miguel Fuentes á batería.
No 2009 e debido á insistencia de amigos e fans decídense a lanzar o seu primeiro longo,"New Adventures in Full Colour" (Quant, 2009), un traballo autoeditado no que nos presentan catorce cortes de pop luminoso atemporal. O disco é reseñado en publicacións como Ruta 66 e a MondoSonoro, e os seus ecos chegan ata Michigan: o selo Jam Records interésase neles e pídelles copias para vender no seu radio de acción. Bendito surrealismo.
Remata o verán e no blog do grupo podemos ver un comunicado asinado por Oscar Quant no que anuncian que a banda queda en stand by por tempo indefinido: "Despois de moitos concertos, aventuras, probas de son xolgorios, cargas e descargas de equipo, viaxes, un single en vinilo, festas, alegrías, 6 maquetas, inclusión en recompilatorios, cambios de corda, video-clips, pratos destrozados, micros queimados, calambranzos, e risas, temos que anunciar a imposibilidade de continuar ensaiando e, polo tanto, tocar en directo. Incompatibilidade de horarios e, por que non dicilo, hastío e cansazo de ensaios e probas. Fartos xa de desenmarañar os líos de cables de amplificador formados no local de ensaio, anunciamos unha nova etapa Quántica na que non haberá concertos nun futuro próximo". Pero o proxecto mantense e pronto entregarannos novas gravacións.
Rubén Coca céntrase nos seus traballos audiovisuais, gañando no 2009 o premio Mestre Mateo ao mellor curtametraxe de ficción por "La Princesa Alegría" (2009), aínda que continúa á fronte do seu outro proxecto pop, Todo el Largo Verano.
No 2010 Oscar Quant asóciase con Lee Van Cleef para dar forma a Lee Van Quant. Gravan dous cortes -"No me dejas vivir" e "Lonely school"- recollidas no single "La Fusión Fría" (Lee Van Quant, 2010). «Lonely school» é unha versión de The Boys. Tamén participan na homenaxe aos Raspberries "Play On: A Homage to Raspberries" (Clifford Records, 2010) con "Go all the way".
Oscar Quant queda practicamente só no proxecto –continúa Miguel Fuentes á batería-, só en canto a unha formación definida e fixa, pero continúa traballando coa mesma paixón de sempre no grupo rodeado de bos amigos. Así, en novembro do 2011 sae ao mercado o seu segundo longa duración: "Handmade, Homemade" (Quequeres Edicións / Rock Indiana, 2011). Doce cancións, entre as que nos atopamos coa versión do "Winterlong" de Neil Young, nas que colaboran entre outros: Boy Elliott (voz), Roge (coros e voz en "Winterlong"), Amparo Arias (coros e voz en "Magic tricks"); Tony, Sergio e Pepe (Happy Losers) aportan a súa voz a "Half remenbered fairytales" e Moss, Guille e Quincho (Carrero Bianco) as guitarras. Oscar encárgase de guitarra, baixo, teclados, harmónica, mandolina, xilófono, mellotrón, theremin, coros e voz. Case nada.
Sempre activo, Oscar dedícase a labores de produción e a dar saída a dous novos proxectos: Skyhooks e Weather Underground.
En 2018 emprenden xunto a Ferror Records o proxecto «Canciones Menores en Clave Mayor» que os leva a entregar unha canción nova cada mes do ano… «Quant volvemos á carga! O ano pasado acabei un disco (aínda non publicado) que gravei en Río Records e que ten o título provisional de 'Based on real events'. Estou buscando unha discográfica que o edite como creo que o resultado merece. Pero durante esta espera, apetecíame publicar algo totalmente independente dese disco. Algo fresco e inmediato, que iremos gravando en Sausalito e que será difundido coa maior brevidade posible despois de estar acabado. Así que Quant imos publicar en redes sociais unha canción ao mes durante todo este ano 2018. Non temos nin idea de como nolas imos apañar para conseguir 12 cancións, pero estamos seguros de que o reto será divertido. Subirémola para descarga gratuíta (acompañada cun lyric-video) a última semana de cada mes» explica Óscar. O 29 de decembro de 2018 saen á venda as doce cancións en formato CD, «Canciones Menores en Clave Mayor» (Ferror Records, 2018).
Dous anos despois volve á carga con «Tales of the Unexpected» (Ferror Records, 2020). Un disco gravado en Sausalito (Ferrol) con Alba Carballeira (baixo), Manolo Drums (batería), Rafa Pereira (Los Limones / guitarra), Alberto Amigo (Todo el Largo Verano / coros), Danny Abeledo (teclados e sintetizadores), Quincho (Carrero Bianco, Espejos y Diamantes / guitarra) e Óscar (voz e guitarra). Alberto Amigo encárgase do espectacular artwork do disco baseado en cómics de ciencia ficción dos anos 50, cun impecable libreto de doce páxinas.
Posteriormente deciden reformular o grupo e achegarse ao castelán en «Basado en Hechos Reales» (Ferror Records, 2021). «Despois da edición do noso anterior disco (no peor momento comercial posible, ao comezo do confinamento) percibín unha total indiferenza por parte do pouquísimo público que temos e notei que o grupo necesitaba un cambio de dinámica para non caer no estancamento e o aburrimento. Despois de tantos anos, non quería volver facer o mesmo disco outra vez, decidín que o seguinte sería algo novo e fresco na nosa traxectoria. Tamén tiña a ambición de poder levar estas mesmas cancións ao directo con solvencia e sen desmerecer as composicións. Ocorréuseme experimentar con caixas de ritmo e secuenciadores que poderían ser utilizados nos concertos, e baixo esa premisa foron compostos estes temas. Tratando de dar unha nova volta de torca na nosa persoal forma de entender a música Pop» explica Óscar.
Tras entregar «Basado en Hechos Reales» (Ferror Records, 2021), Quant volve uns meses despois co curta duración «Atenta! EP» (Ferror Records / Discos de Corte, 2022) editado en 7″ lathe cut por Ferror Records e Discos de Corte.
Olla os seus discos na nosa tenda online!