Rayotaser

Synth pop intenso e emocional
Rayotaser comezan en formato dúo con Álex Mera (Colectivo Oruga) e Pablo López (exIgloo) achegándose ao synthpop e á electrónica con moita personalidade. Álex explica que todo “xorde de forma natural unha vez remata a etapa con Colectivo Oruga. Despois dun tempo de descanso merquei unha MPC, sintetizadores novos e empecei a traballar. O caso de Pablo é similar. Despois de deixar Igloo non puido evitar volver tocar e era unha idea da que falaramos anos atrás.
En 2016 publicamos unha demo en forma de EP, ‘Tengo que Pedir Perdón’ (2016), e comezamos a preparar o directo co que nos estreamos na Sala Radar e co que pasamos por festivais como Superbock Underfest, Atlantic Fest, Prestoso, Esmorga, Melona e co que puidemos facer de abreconcertos de Digitalism”."
A elección do nome foi “polo que suxire, soa a ciencia-ficción ou a distopía. Un presente distópico respecto ao que soñabamos cando eramos nenos. De pequeno collías o teu raio láser e sentías que eras dos bos. Agora, se non estás coa maioría, sénteste dos malos e temes unha descarga táser. Isto era o futuro, polo menos por aquí”."
A súa música é un synthpop emocional e intenso que conecta con formacións como Dorian ou Presumido… “O noso pasado xa nos dirixe bastante. Radiohead, o grunge, Beck, Chemical Brothers… sempre foron compañeiros de viaxe, aínda que ultimamente a escena synthpop está sacando a nosa parte máis sensible. Aínda así, a parte física e a invitación ao movemento seguen sendo dous eixes principais. Ás veces máis hedonista, ás veces máis sufrida, pero sempre convidando ao movemento”."
En 2019 chega “Robocops” (La Melona / Ataque!, 2019). Sete cortes gravados nos Radar Estudios de Vigo da man de Pablo Iglesias. “Son as cancións que compuxemos despois do primeiro EP, coas que nos presentamos en directo ata agora. Foron evolucionando no escenario e tocan diferentes ‘paus’ polo que resulta un traballo bastante ecléctico. Curiosamente o primeiro adianto foi “San Junípero”, o tema máis antigo de todos, e o segundo adianto, ‘Todo lo que pido’ é o último tema que compuxemos. De aí podería extraerse cara onde camiñamos”."
O título resulta nostálxico, remite ao paso do tempo e en certo modo á infancia, pero tamén enfado cunha realidade asfixiante… “Nostalxia e enfado. Sensación de non ofrecer un futuro positivo ás novas xeracións. O que comentabamos respecto ao nome. O que fixemos foi recuperar unha referencia retro que vén moi ao caso nesta época. Levamos uns anos nos que a política se parece cada vez máis ao fútbol, a política institucional e a de bar. Cada vez máis certezas e menos diálogo. Cada vez máis agresividade e menos reflexión. Cada vez grupos máis grandes mobilizados e mediatizados impoñendo a súa lei”."
Con respecto á gravación afirman que “grazas a Pablo Iglesias foi máis levadío. Non é sinxelo encargarse de percusión, samplers, sintetizadores, baixos electrónicos e voz. Pode superarte cando entras a gravar. Por sorte Pablo Iglesias foi capaz de manternos coa tensión necesaria para deixar unha gravación de calidade. Hai moitas voces en cada canción e iso implica moitas horas de gravación e reflexión”."
En 2022 chega o EP «Incendio» (Ferror Records, 2022), unha nova entrega de electrónica e synth pop intenso e emocional. Tras a saída de Pablo López, Álex Mera dálle forma a este traballo que nace dunha ruptura e o seu duelo. “As circunstancias impedíanme facer o que me salvou realmente toda a miña vida, compoñer. Atropeime sen capacidade de evadirme, de escaparme cos sintes. Así que entendín que debía deixar saír, escoitarme. Ata agora os temas foron unha solución farmacolóxica, placebo existencial. Esta vez foron terapia, duelo. Así puiden saír do bosque e acelerar á vez todo o proceso de desconstrución. Tiven vertixe por momentos ao traballar coa dor, pero tamén me deu a intensidade vital que necesito nun momento no que facer bailar aos demais era algo imposible.
A ruptura é o que desencadea un duelo que afecta a distintos tempos, lugares, papeis, experiencias… un duelo que talvez non puiden facer antes por certo instinto de supervivencia, pero que era inevitable realizar algún día. Vai máis alá desa ruptura” explica Álex."
Os golpes da vida teñen logo a súa catarse, e permiten que a destrución se transforme en construción, e desde o caos: crear… “Cando penso en influencias aparece Jon Secada despois de acabar con Eros Ramazzotti nunha pelexa a cabalo pola praia e coméntame que está Trent Reznor na casa agardándonos para empezar a compoñer. Por aí estarían as referencias de Incendio."
A inspiración deséncaa unha ruptura, pero rapidamente a perda de gravidade esténdese e sincroniza con moitos outros ámbitos da vida para levarme ao punto de partida, o pesimismo existencial. Incendio é un acto de purificación, de crime e castigo sen frases motivadoras. E sobre todo, sen superación. Só aceptación, a dor queda, queiras ou non. Mellor levarse ben con ela”."
“Incendio” é un xogo de luces e sombras. O universo acóllenos neste redil para a alma inquieta. Rayotaser foron sufrindo unha transformación gradual seguindo un plan perfectamente calculado para chegar a este preciso instante. Atopámonos con tristeza exuberante, amores que se evaporan mentres fogos de artificio explotan en cámara lenta e a serenidade que dá descubrir que o tempo cura todas as feridas.
Un traballo que se volve máis conmovedor coas escoitas, que nos golpea forte cun gancho melódico pegañento. Un traballo que nos invita a pechar os ollos e evocar o noso propio incendio. Lume, camiña comigo.
¿O futuro? “pasa por consolidar o proxecto co noso primeiro disco e intentar levalo cada vez máis lonxe. A resposta está sendo incrible a nivel radio e prensa especializada”."
Olla os seus discos na nosa tenda online!