Todo el Largo Verano

¿Podemos falar de Sonido Ferrol?
Recentemente lía a reseña do debut de Todo el Largo Verano en Efe Eme e César Prieto falaba de que poderiamos utilizar o termo Sonido Ferrol. Non sei se podemos falar de tanto, pero do que podemos falar é dun conxunto de bandas e solistas –Roger de Flor, Quant, Boy Elliott– con grandes temas, un ideario común e moitas ganas de sacar as súas propostas adiante aínda que teñan que recorrer á autoedición.
TLV xorden no Nadal do 2006 cando Alberto Amigo -Quant- e Fernando Marta (Beluga) deciden participar nun recompilatorio de La Fonográfica General. Pouco a pouco fóronselles unindo amigos como Rubén Coca, Kike Quijano, Carolina Rodriguez ou Miguel Fuentes que pasaron a formar parte do proxecto. Tras varias maquetas –«Popstales» (2006), «¿Te Acuerdas? Tú y yo.., Verano» (2006) e «La Chica del Parque» (2007)– participan na homenaxe a Andrés do Barro «Manifesto Dobarrista: Un disco Tributo a Andrés do Barro» (Falcatruada, 2007) con “Quero facer a miña casa no ceo” e en «Christina no Cometió un Error. Tributo a Christina Rosenvinge» (Ya Estás Ya, 2006) con “Mortos ou algo mellor”."
A finais de 2009 editan o seu primeiro longo «Todo el Largo Verano de Vacaciones en Marmolinos» (TLV, 2009) e un single de vinilo con La Fonográfica General: «Es Navidad en Marmolinos» (La Fonográfica General, 2009)."
En 2010 Todo el Largo Verano encárganse da banda sonora do documental sobre a historia da mítica editorial Bruguera “L’Editorial Bruguera des del Barri del Coll” (Sabrina Menéndez, 2010) -desde a súa fundación nos anos 20 ata a súa desaparición nos anos 80- e nola entregan en forma de single: “L’Editorial Bruguera des del Barri del Coll” (TLV, 2010)."
No verán de 2011 chega “Nueva Declaración de Intenciones” (TLV, 2011), un novo EP da banda ferrolá con catro temas gravados nos estudios caseiros «El Tercero» (Ferrol) e masterizados por Paco Liaño nos estudios «Treboada» (A Coruña). Entre os cortes atopámonos con “Rapidamente”, unha acertada versión de Los Brincos."
En 2018 Todo el Largo Verano volven á actividade tras uns anos de parón. Os seus membros estiveron centrados noutros proxectos e os veráns foron pasando sen recibir noticias deles. Pero agora volven á carga cun luminoso e melódico EP con tres grandes cancións, «Vámonos Juntos. Canciones Para Una Boda» (Ferror Records / TLV, 2018). Como adianto lanzan o single «Vámonos juntos«, canción anticiclónica e atemporal que deixa claro que seguen en plena forma e que as melodías vibrantes seguen do seu lado. O EP complétano dúas adaptacións. Unha é «(Non sei) que faría sen ti» -adaptación ao galego do «God only knows» de The Beach Boys- e a outra «Es como un sueño» -vía Los Brincos-… «Cando un gran amigo nos pediu que tocaramos na súa voda, decidimos non só tocar, senón gravar este pequeno CD. Na cerimonia tocamos a preciosa canción de Los Brincos ‘Es como un sueño’, sen embargo para o disco, decidimos tomar prestada a letra para acompañar esta música que nos inventamos e gravamos para a ocasión unha tarde de xullo«."
Dez anos despois da súa primeira longa duración chega «Entre Anticiclones y Borrascas» (Ferror Records, 2019), o seu segundo LP. Un traballo que se presenta como un disco conceptual, con cancións como un enfrontamento entre dualidades: amor-desamor, sol-choiva… «Falar do que me gusta, do que me fai sentir ben, resúltame máis sinxelo. O amor como tal é un concepto abstracto que, fales do que fales soa transcendente: unha cervexa, unha película… unha persoa. Inevitablemente falas tamén do contrario, do que che fai sentir mal, do que non che gusta… Así que acabamos xuntando unha serie de cancións de amor e outras tantas de desamor. Aínda que todas foron concibidas de maneira independente, o que fixemos foi agrupalas e secuencialas para que puidesen ter unha lectura temporal a través das diferentes fases que pode vivir unha relación desde o namoramento inicial ata que xa non quedase nada» explica Alberto Amigo."
Con respecto ao tempo pasado entre ambas longas duracións comenta que «foi por circunstancias persoais sobre todo, pero tamén musicais. Aínda que ‘De Vacaciones en Marmolinos’ saíu en 2009, nos dous anos seguintes editamos outros traballos máis pequenos como a banda sonora do documental sobre a Editorial Bruguera ou o EP ‘Nueva Declaración de Intenciones’. Despois pasei unha temporada na banda Los Huéspedes Felices con quen editei un disco longo e dous EP. Tras ese período retomei o traballo con Todo el Largo Verano, e empezamos a gravar as cancións que forman parte deste novo disco e dos EP do ano pasado ‘Vámonos Juntos’ e ‘Una Tarde en el Campo'»."
En 2020 chega “Ciencia Ficción” (Ferror Records, 2020). Unha terceira longa duración marcada pola distopía que nos toca vivir nestes días, e por ese día a día que parece ciencia ficción. Tres anos despois chega «Esperando» (Ferror Records, 2023).
“O anterior disco ‘Ciencia Ficción’, gravámolo en plena pandemia. Nese momento estabamos a traballar nunha serie de cancións que non incluíramos no anterior, “Todo el largo verano entre anticiclones y borrascas” e que ían dar forma ao noso seguinte disco. Pero a pandemia condicionou tanto o noso método de traballo coma a idea do disco no que estabamos a traballar e terminamos facendo ‘Ciencia ficción’, un disco gravado en apenas dous meses, que desde a situación de encerro, miraba cara a fóra e falaba da estraña situación que estabamos a vivir e o desexo de poder saír.
Este novo disco ‘Todo el largo verano esperando’, parte da idea contraria: mirar cara dentro, cara onde estamos, desde unha situación de normalidade recuperada. Fala da espera (e tamén da esperanza), de esperar que ocorra algo, ou que veña alguén. De todo o que estiveramos esperando e que talvez non todas as expectativas se cumprisen. Hai unha canción que non entrou no disco pero que sacamos como sinxelo ‘Pois non fostes’, que en certo modo foi o punto de partida e que o define perfectamente.
O disco dalgunha maneira pecha a triloxía, pois na súa maioría as cancións xa existían cando gravamos os dous anteriores. Temas como ‘Esperando por ti’ ou ‘Tu castillo de cristal’ foron concibidos e gravados para este novo disco, pero cancións como ‘Es imposible’ ou ‘La misma canción’ poderían ter entrado perfectamente nos ‘anticiclones’ e as ‘borrascas’ respectivamente.
Por outro lado, creo que nos saíu o disco máis alegre e máis canheiro de todo o noso catálogo”."
Atopámonos cun achegamento a Los Sprinters, unha das grandes formacións ferrolás de sempre… “Los Sprinters foron un grupo de Ferrol que sacou un puñado de sinxelos nos anos 60 antes de converterse na banda de acompañamento de Andrés do Barro. Na súa curta discografía ademais duns cantos temas propios, fixeron algunhas adaptacións ao castelán de temas de The Beatles, Paul Simon, ou The Rolling Stones con moito gusto. O noso tema favorito é ‘Espera, que quiero hablarte’. Facía moito tempo que queriamos renderlles homenaxe e dentro dese concepto de ‘mirar cara dentro’ do que falabamos, incluír a nosa versión do tema no disco, encaixaba á perfección”."
A súa música sería a banda sonora ideal dunha película de Rohmer ou para ler «El Bello Verano» (1949) de Cesare Pavese. É dicir, pop clásico armado a base de harmonías vocais, melodías pegañentas e arranxos moi coidados, desprendendo en cada toma inxenuidade e melancolía a partes iguais.
A banda cumpre nada menos que 20 anos en 2025 e celébrao con “Algunos Cabos Sueltos” (Ferror Records, 2024), recompilando todas esas xoias perdidas que foron quedando en distintos discos e proxectos. Alberto Amigo explícao: «Eu son de discos, de dedicar pouco máis media hora a escoitar unha colección de cancións con certo nexo común, conceptual, formal ou o que sexa.
Nestes últimos 6 ou 7 anos publicamos 3 discos, pero tamén EPs, singles, participamos nalgún disco recompilatorio e fomos xerando un material que nos apetecía reunir para poder escoitalo todo xunto. Tamén tiñamos algún tema que non gravaramos aínda porque non atopara o seu lugar en ningún dos traballos editados anteriormente como é o caso de “Nueva declaración de independencia”. E outros que nos apetecía volver gravar porque o son co que o gravamos no seu día, non reflicte o noso son actual, como son “Onde estás”, “Nova declaración de intencións” e “Pois non fostes”. Ademais estes 4 temas, supoñen o debut do noso novo batería Camilo«.
Un traballo que Ferror Records edita nun CD envolto nun deseño de Luis Paadín realmente espectacular. «O que fai Luis é incrible. Levamos moitos anos traballando en diferentes proxectos e son un gran admirador do seu traballo.Luis leva connosco desde o principio definindo con gran acerto a imaxe de Todo el largo verano, e non entendemos o noso traballo sen a súa achega. Nós damos un disco por rematado cando aparece o deseño ou a ilustración de Luis, achegando unha dimensión inesperada para nós, que o completa e define. Sempre dá na clave e sempre con moita elegancia«."
Vinte anos de pop e cancións, que se di pronto… «Un día es novo e ao seguinte estás celebrando o 20 aniversario da túa banda.
A nós pasársenos envoltos en darlle forma a un puñado de cancións. Ideando arranxos, planificando o seu son, probando cachivaches, micros, amplis… Aprendendo a usalos, estudando son, coñecendo persoas xeniais que saben tocar instrumentos ou que teñen un estudio… Tocando un pouco e facéndonos maiores. Ben…
A música en xeral, e a música pop en particular voáronme a cabeza no seu día, cando tiña uns 12 ou 13 anos, e xa foi un camiño sen retorno. Practicamente todo o que fixen estivo sempre ligado á música. Amizades, afeccións… A miña muller é música, os meus amigos os que non son músicos, teñen gran afección pola música. Ao principio “ensaiaba” cunha raqueta de tenis facendo as veces de guitarra, logo “aprendín” a tocar a guitarra, empecei a inventar cancións, logo aprendín como gravalas, como editalas… E nesas seguimos, xogando a ser músicos e a facelo coa maior convicción posible» explica Alberto.
Olla os seus discos na nosa tenda online!