Voces de Ultratumba

O primeiro grupo punk galego integramente feminino

Naqueles anos intensos da Movida de Vigo foron moitos os grupos que se perderon na letra pequena da historia, especialmente naquel underground do underground afastado dos focos mediáticos que copaban os grandes nomes. Hai bandas que apenas deixan pegada pero que resisten como rastros de carmín nunha copa esquecida. Ás veces, esas agrupacións deixan bombas de tempo e profundidade en forma de cancións que, de súpeto, brotan como un estalido cargado de enerxía. Isto é o que ocorre con Voces de Ultratumba. Os seus traballos, en forma de directos e maquetas, non viron a luz na súa época, aínda que si existiron informacións inconclusas que murmuraron publicamente sobre un grupo de punk de onda sinistra conformado só por mulleres na Galicia dos 80, con conciencia feminista e relacións ao sur da fronteira con Portugal; aínda que pouco máis se soubo delas. Talvez porque tiñan unha forte personalidade e independencia e non querían ser “as noivas de ninguén”, senón persoas con identidade e metas propias. Ás veces só fai falta atrevemento e valentía, facéndose esa pregunta fundacional do punk e do espírito “Faino Ti Mesma”: «Se eles poden… Por que nós non?».

Chus Taboada (cantante, letrista) tíxoo sempre claro: “As mulleres estaban en segunda fila, eran as noivas. Eu non quería ser a noiva de ninguén, quería ser a protagonista do conto e facer algo diferente”. Xunto con Marisé Izquierdo (teclados) activan o proxecto con tres músicas máis: Eva Izquierdo (guitarra), Viví (baixo) e Elena (batería). Eva pasaría máis tarde a tocar a batería e a conformarse como outra integrante máis da argamasa principal.

Cómpre destacar que Chus e Marisé, ademais, foron grandes activistas culturais, poñendo en marcha un dos fanzines vigueses máis importantes do seu tempo: o Escupe. Sempre en loita. Voces de Ultratumba séntense atraídas polo post-punk e a dark wave. Para elas, era fundamental coidar a imaxe e a performatividade así como utilizalas como punto de apoio ás súas melodías. Así llo explicaban a Pilar Comesaña no 85: “Cremos que a metade dos grupos fan música sen máis, nós queremos crear ambiente en escena a base de movementos, imaxe e outros factores. É importante pensar que unha actuación ten que ser distinta á gravación da maqueta, hai que dar algo máis á xente”."

Tiñan todo para triunfar: unha posta en escena impecable, escura estética, unha líder con moita personalidade e táboas no escenario, e cancións brillantes armadas con ritmos post-punk e sinistros realmente envolventes. Con actuacións no mítico Kremlin de Vigo, na Semana de Rock organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Vigo no parque de Castrelos ou no Porto, gravan varias maquetas e cambian de nome polo de La Traición, pero atopan moitas dificultades para continuar adiante. A investigadora Maritxu Alonso afirma que: “O machismo foi un gran freo para elas. Dedicándome a investigar bandas punk de mulleres [tamén impulsa o fanzine Uterzine], sempre se di que apenas estiveron presentes nas orixes do movemento. Pero, se te detés a observar, aparecen por todas partes, e en todas elas sofren desvalorización, menosprezo e paternalismo”."

Hoxe reivindicamos á primeira banda punk galega integramente composta por mulleres. Reivindicamos a súa volta aos escenarios cunha formación composta por Chus Taboada, Eva Izquierdo e Marisé Izquierdo (tres compoñentes orixinais) xunto a Maritxu Alonso e Nuturk (dúas novas ultratumbas). Reivindicamos a súa esencia oitenteira e o seu presente interxeracional cunha nova aposta político-sonora. Ademais, os selos Ferror Records, Uterzine e Educación Cínica rescatan as súas gravacións orixinais para editalas en formato físico por primeira vez: «Voces de Ultratumba» (Ferror Records / Uterzine / Educación Cínica, 2022). En edición limitada a cen copias de casete, o disco recolle na cara A unha maqueta orixinal gravada nos anos 80, e na cara B o seu concerto na mítica sala viguesa Kremlin. Nunca é tarde para coñecer e divulgar a mulleres pioneiras dentro da nosa historia musical galega.

Elas practican un post punk que conecta directamente con bandas como Siouxsie and the Banshees ou Parálisis Permanente. Cunha clara onda sinistra, conseguen despuntar desde o comezo, a base dun directo intenso e grandes cancións como «Reflexos no aire«, «Entre sombras«, «Soedade» ou «Asasino«. Este último corte forma parte do recompilatorio «O Pulso do Tempo» (Caskabel, 1988) no que participan como La Traición. Nel inclúen o tema en galego, «Asesiño«."

A banda volve aos escenarios coa formación composta polas fundadoras Chus Taboada, Eva Izquierdo e Marisé Iquierdo, acompañadas por Maritxu Alonso (baixo) e Nuturk. Marisé indica que «es difícil de explicar, son moitos sentimentos. Volver a un escenario, volver sentir ao público, volver tocar en grupo é… emocionante«."

«Tocar xuntas é un soño feito realidade. Chus, Eva e Marisé saíron da ultratumba para convidarnos a Nuria e a min a subirnos con elas ao escenario, e non poderiamos estar máis ilusionadas de comezar esta nova etapa da banda. Non obstante, o mellor de toda a aventura queda no invisible: compartir o local de ensaio, os momentos de piscina, as comidas, os coidados grupais, e sobre todo, as penas e as risas» afirma Maritxu. Nuturk pola súa banda, apunta que «para min é o que tanto ansiaba, un nexo entre varias xeracións de mulleres dentro da escena musical non normativa e tamén un reto de adaptación a estilos musicais que nunca esperaba tocar«."

Olla os seus discos na nosa tenda online!