SKU: FR-089 Categoría: Etiqueta:

Carlos Risco – Cando Chegue a Hora (Dixital)

1. Cando Chegue a Hora 05:13

Accede ao formato dixital

detalles

REFERENCIA DISPOÑIBLE SOAMENTE EN FORMATO DIXITAL

Accede ao formato dixital
Carlos Risco viviu os últimos vinte anos en Madrid, exercendo de periodista en medios como El País, Rolling Stone, Vanity Fair ou GQ, ademais de traballar algún tempo en Nacións Unidas en Roma. Publica varios libros: “Herdei a cousa de escribir do meu tío Vicente, pater patriae das letras galegas, e veño por parte de nai dos últimos Ulloa do pazo de Santa Cruz de Arrabaldo, agora en ruínas. Pertenzo a un liñaxe en decadencia e tiven unha vida en dous actos, entre Madrid e Galicia. Desde a pandemia vivo no campo, nas fragas de Allariz, nunha aldea deshabitada e máxica”.

O seu contacto coa música ven de lonxe: “Toco a guitarra desde os trece anos (agora teño 45). Tiven un montón de bandas, pero sempre fun músico dende as beiras, centrado sobre todo no instrumento, na guitarra e no baixo eléctrico.

Comecei a escribir cancións e a cantar fai poucos anos, nos veráns en Ibiza, onde levaba unha revista e mudaba o meu apartamento de Lavapiés pola praia e os bosques de piñeiros e sabinas. Namoreime dunha rapaza. Para ela escribín moitísimas cancións. Non sabía que tiña en min a capacidade de tocar eses cables invisibles que fan da verba melodía. O amor acabouse, pero deixoume aberta a porta dun superpoder que non coñecía: o de escribir a miña propia música e descubrir o son da miña propia voz. Despois comprendín que a música non nos pertence. Está en todos nós. Só hai que estar atento e permitirse a recolleita (e nesas ando)”.

Agora inicia este proxecto persoal cun EP de dous temas en galego do que presenta “Cando Chegue a Hora” (Ferror Records, 2023). “É un EP de dúas cancións en galego. Despois de estar case vinte anos fóra de Galicia, volver está sendo un redescubrimento e unha primeira comprensión do país coa perspectiva que dan as vivencias que un xa vai levando nas costas. O galego foi chegando naturalmente e non foi unha escolla consciente: cando decidín poñerme nas mans do Hevi, presenteille moitas das cancións xa pechadas e algunhas ideas esbozadas. El escolleu o mais impredecible, o que nunca pensei que faría, que eran estas dúas ideas cantadas en galego, apenas recollidas nunha maqueta caseira. Púxenme a favor do seu instinto.

Estas dúas cancións son un ‘estou aquí’. Aparezo de entre as néboas para romper o silencio e ter un lugar para que ocupar. O que quero contar é sinxelo, cantar as cousas que aprendo cos anos e facelo coa miña propia voz. Un cantar no que son eu o primeiro sorprendido ó escoitarme e no que teño a sorte de experimentar con instrumentos que me feitizan, coma os sintetizadores analóxicos, as percusións ancestrais e sons inesperados coma o contrafagot que aparece en ‘Cando chegue a hora’ ou a orquestra sinfónica que texe os arranxos na canción de Lois Pereiro. A resposta curta sería: estas cancións están aquí porque cantar me axuda a levar a vida. E é un regalo imprevisto. Escrebo cancións porque o meu corazón o precisa, e as lanzo ó mundo polo respecto a elas mesmas, para honrar o regalo. E, por suposto, para quen saiba recibilas. Un escribe para entende-lo mundo, pero publica para que o lean e o escoiten”.

“Cando chegue a hora” é o primeiro adianto do EP. “Cando chegue a hora xurde da miña admiración pola cultura indíxena e a similitude que atopaba entre moitos cantos lakotas o redor dun tambor e as pandeiradas e aturuxos da tradición galega, que apenas coñezo e sou un ledo profano/degustador. As veces que abría estas dúas portas abraiábame a conexión que observaba debaixo. Soterrado, está o mesmo latexo. Non dos lakotas cos galegos, senón de tódolos homes de tódolos tempos.

Escribín unhas verbas pensando nas cancións de morte dos indios e na similitude das súas cabanas sudatorias coa pedra formosa que está na fraga o pé da miña aldea, unha estancia prerromana, coma un temazcal celta, feito para suar e purificarse e que parece conectar co substrato humano ancestral, no que tamén está a canción monocorde.

Recitei as verbas cun cantar simple, de voz e pandeireta e grabeina na casa. O meu amigo Álex Salgueiro (un xenio que eu vexo coma un Warren Ellis á galega) fíxolle un arranxo cun achegamento ó krautrock de CAN. Enfatizamos a atmosfera de trance e estruturámola de volta. A canción está construída sobre o latexo dun tambor e o tempo dun sintetizador analóxico. Superpóñense texturas de sintes e a subcapa do contrafagot de Justo Alcalde, fagotista da Sofia Philharmonia (Bulgaria), que realza a frecuencias graves e potencia a voz, nunha viaxe o máis profundo da conciencia, alén de texturas coma os acordes e tensión construídas co violonchelo de Isabel Gude.

Gravámola xunto con o segundo single, ‘A súa beleza cereal e ximnástica’, o poema musicado de Lois Pereiro no estudio do Hevi, nas aforas de Compostela, en dous días de moita calor e moita enerxía, cunha luz moi fermosa, pensamentos claros e bo churrasco”.

Carlos Risco ten claro o son que persigue e onde atopalo. “A música non é só unha cousa imaxinaria, sequera producida polas persoas. A música xorde das rochas e das raíces, das árbores e a choiva. Coido, como Bruce Chatwin, que hai unha canción que está por baixo de todas as cancións. Unha melodía ancestral que une aos humanos no profundo, nesa viaxe milenaria de noites nómades xunto ao lume, cantando para comprender a vida. Os humanos aprendemos a cantar antes que a falar e, ao facelo, recollemos unha melodía ancestral que nos comunica con todo o vivo, reconcílianos coas estrelas e axúdanos a botar fóra as angustias de existir.

Canto en galego porque é a linguaxe lírica que serve para falar cos ríos e coas pedras. É o código que mellor entenden ninfas e montañas. Este mantra de Cando chegue a hora quere convidar o oínte a outro plano de consciencia. Como unha chamada noutra frecuencia. Como unha porta a esa dimensión quente onde descansan os antepasados e os soños. É a miña pandeirada que mira ao futuro convidando aos vivos e os mortos a unha mesma danza”.

Con respecto ao uso do galego indica: “Sempre fun castelán falante e castelán pensante, pero co corazón no idioma galego, que ten unha dimensión moito máis quente e lírica. Case sempre escrebo en castelán e fáiseme máis doado que as verbas veñan a min nesta lingua. Pero neste regresar a Galicia e neste tentar entender o país, relaciónome coa xente galego-pensante, veciños e amigos, volto os libros importantes e poño a vibrar a ialma no galego, que está feito de auga e ten verbas poderosas para falar coa natureza e coa vida. A paisaxe lévame á lingua. Isto debería ser o bilingüismo ben entendido. A mudanza sen complexos, coma facía Cunqueiro con tanta maxia. Aínda que a min cústame, teño unha pronuncia mala e as veces fáltame brandura na gorxa, é ese sentirme un pouco alleo o que me da a vontade de mergullarme con mais forza. A lingua é unha traxe para o espírito. Lévate a un sitio distinto. O galego, non esquezamos, é a lingua dos reis medievais e dos trobadores. O galego axuda o lado morno do corazón. O castelán, o pensamento máis analítico. Sen querer ser un impostor nen loitar por mais verdade que a verdade da fala (que é a única verdade), adoro lamber as dúas beiras e desfrutar de ser o que son: unha criatura híbrida”.

Se lanzó el 23 de febrero de 2023
Título: Cando chegue a hora
Artista: Carlos Risco
Composta por Carlos Risco e arranxada por Alex Salgueiro
Gravado e misturado por Hevi no Laboratorio Soyuz (Trazo, Compostela).
Masterizado por Cem Oral en Jammin Masters (Berlín).

MÚSICOS

Ton Risco: percusión
Alex Salgueiro: sintetizadores e Fender Rhodes
Carlos Risco: voz
Justo Alcalde: contrafagot
Isabel Gude: violonchelo

Deseño capa: Iria Cortizo
Foto capa: Iria Cortizo

Videoclip de “Cando Chegue a Hora”

Edita Ferror Records. FR-089. 2023.