Volven os Solpores de Ferror Records: catro encontros musicais ao caer o sol
Coa chegada da primavera tamén comezan a debuxarse no calendario algúns dos momentos máis agardados do verán. Entre eles, un que xa se converteu nun pequeno ritual para Ferror Records: os Solpores.
Este ciclo de concertos volve un ano máis para propoñer algo sinxelo e especial ao mesmo tempo: xuntarnos arredor da música cando o día comeza a rematar, nese instante no que a luz do sol cambia e todo parece ir un pouco máis amodo.
Un espazo para escoitar música con calma, descubrir artistas e compartir ese momento único no que o sol se despide.
Datas dos Solpores 2026
A nova edición celebrarase en catro xornadas ao longo do verán e comezos do outono:
-
20 de xuño
-
18 de xullo
-
15 de agosto
-
19 de setembro
Os concertos comezarán arredor das 20:00 horas (horario por confirmar).
Lugar
Os Solpores celebraranse no Centro Cívico de Canido, en Ferrol, un espazo perfecto para gozar da música nun ambiente próximo e aberto.
A entrada será libre, e o público poderá entrar e saír con liberdade ao longo da tarde, mantendo ese espírito relaxado que caracteriza o ciclo.
Apoiar a escena musical
Desde o seu inicio, os Solpores naceron coa intención de apoiar e visibilizar a escena musical local.
Nos primeiros anos o foco estivo especialmente na música que se estaba creando en Ferrol e a súa contorna, pero co paso do tempo o ciclo foi abríndose a proxectos procedentes de diferentes puntos de Galicia, reflectindo a riqueza e diversidade da escena musical do país.
O obxectivo segue sendo o mesmo: ofrecer un espazo onde artistas emerxentes e proxectos consolidados poidan compartir a súa música nun contexto próximo e coidado.
Artistas confirmados
Nesta edición participarán trece proxectos musicais, que se irán repartindo ao longo das diferentes datas do ciclo:
-
Nebra
-
Pantis
-
Sofi Peries
-
Luna Desgracia
-
Moreno Moreno
-
As Ánimas
-
Pladür
-
REA
-
MoOoM
-
Vlaklyth
-
Amiga
-
Omadroma
-
Fantasmage
Nas próximas semanas iremos anunciando a distribución das bandas en cada unha das datas.
Un ritual de verán
Os Solpores son, ante todo, un punto de encontro arredor da música. Un lugar onde parar un momento, escoitar e compartir.
Mentres tanto, xa podedes gardar estas datas no calendario.
O verán en Ferror Records comeza cando chega o primeiro solpor.









