copa turbo

Intensidade, velocidade, ruído e furia
«Copa Turbo xorde no verán de 2017 coa asociación de Manuelao, Ales e Revillas. Ales e Revillas, compañeiros de instituto, participaran xuntos en proxectos que nunca chegaron a nada. Antes do nacemento de Copa Turbo, andaban na procura dun batería para dar forma a un novo grupo. Manuelao, pola súa banda, participara noutros proxectos como Sofá Ambulante e, no momento da unión, tocaba en Ciega & Peligrosa xunto con Juanone (actual membro do grupo). A conexión entre os tres foi rápida e, en pouco máis dun mes, compuxéronse as primeiras doce cancións de Copa Turbo» apuntan.
Con respecto ao nome que adoptan indican que «o nome aparece de maneira casual, froito das dinámicas dos ensaios, nos que adicamos máis tempo a falar que a tocar, con conversas que derivan en temas diversos e ideas sen aparente sentido. Na procura dun nome para a banda foron aparecendo propostas dispares, quedando Copa Turbo. Casualmente, co paso do tempo, foi dotándose dun significado musical e vital que, nun primeiro momento, era alleo ás nosas intencións«. E é que co tempo, conseguen vincular e fusionar son e concepto. Meter na mesma cocteleira a intensidade, a velocidade, a furia e o ruído.
O seu son remite a moitas cousas: punk rock, rock, caos, delirio, ruído, Thee Oh Sees… «O son de Copa Turbo é resultado das diversas influencias en constante renovación que recibimos todos os membros, onde se poden percibir aspectos claros do punk, pero tamén do krautrock ou da electrónica. Pero sobre todo, defínese polo proceso particular de composición, onde todas as partes da mesma nacen dos ensaios, destacando como elementos unificadores a improvisación, e a alternancia e mestura entre ruído e melodía.
Musicalmente as influencias son diversas, desde Idles, King Gizzard ou Thee Oh Sees ata Músculo! ou Lamprea Explosiva, pero tamén doutras orixes, como a propia cotidianidade da nosa xeración, nunha situación de ponte sen arraigamento en nada sólido e un constante sentimento de perda».
En 2023 entregan o seu disco debut: «Lo Vi Dos Veces» (Ferror Records, 2023)…» O nome provén dunha anécdota compartida polos catro, acontecida nun concerto dunha festa persoal en Portugal. Consideramos que a situación xeral que estabamos a vivir nese momento era o suficientemente representativa das nosas dinámicas grupais como para escoller dela o nome do disco. A gravación desenvolveuse ao longo de tres fins de semana de outubro de 2022 no estudo de Mousa House, en Paderne. Rubén e Ana, os donos, acolléronnos na súa casa (onde está tamén o estudo) vivindo todos xuntos o proceso. Alí rematamos de consolidar os temas, engadindo detalles ás cancións, previamente pensados ou ideados alí mesmo, de forma conxunta. A melodía das letras faise sempre acompañando á música nos ensaios. En ocasións a propia letra nace aí, no momento, e noutras, a canción permanece sen letra ata que é inevitable compoñela. Na escrita, froito disto, predomina en moitas ocasións a escrita automática, tomándose como puntos de partida o mood da canción e, sobre todo, o plantexamento de situacións e ideas tipo de base, a partir das cales saen as palabras«
Texto e imaxe cedidos por La Fonoteca.
Olla os seus discos na nosa tenda online!