devalo

Synth pop emocional que cura corpo e alma

DEVALO é un proxecto do coruñés David Miranda, a quen coñecemos doutras aventuras musicais como Nouvelle Cuisine ou The Cripple and The Tramp.

“DEVALO comezou a xestarse antes de que eu mesmo fose consciente da súa existencia. Foi aparecendo nalgunhas cancións que levaban xa varios anos escritas, e máis tarde na experimentación con formas de compoñer que non eran habituais para min, a través do uso da música electrónica noutro proxecto (Aderyn, unha colaboración poético-musical con Lorena Souto). Ao contrario que o seu nome, foi medrando e evolucionando ata se converter nunha presenza tanxible nun grupo de cancións que rematei de compoñer e gravar no verán de 2020” explica. “DEVALO é para min un lugar de liberdade e exploración, no que podo afastarme do mundo para estar máis preto do que me importa, aínda que soe contraditorio. Non quero poñerlle límites nin restricións: pode ir mudando, agrandándose ou empequenecéndose, cambiando de son e de aspecto. É o meu espazo de exploración musical”.

No seu son percíbese un synth pop emocional con reminiscencias noise e dream pop… “Mentres gravaba o disco escoitei moita música de finais dos 70 e dos 80. Fascíname o momento no que a electrónica comeza a aparecer no pop, como no caso de Gary Numan, Kraftwerk ou os primeiros New Order, é un son cru e que agora soa como retrofuturista. E iso sumouse ás influencias que sempre levo comigo, do noise e do dream pop. Gústanme especialmente os grupos que máis alá das cancións crean unha atmosfera, como un mundo no que entras que ten a súa propia linguaxe e normas. Buscaba un son que levase a esa contradición dun futuro pasado, que encaixa tamén coa nostalxia dalgunhas letras”. Á hora de citar referentes e influencias indica: “ademais das que xa mencionei, están grupos como Slowdive, My Bloody Valentine, Cocteau Twins, The Radio Dept., Beach House, Yo La Tengo, M83, LCD Soundsystem, Bat for Lashes… De xeito indirecto tamén flotan por aí Joy Division, The Smiths, The Cure, The Pains of Being Pure at Heart e os pasaxes acústicos de Sufjan Stevens ou Mark Kozelek. Mesmo tendo algunhas referencias bastante claras, deixei que fosen aparecendo todos os tipos de música que me gustan. Interesaríame saber que son e influencias pode ver alguén desde fóra. Quizais sexan diferentes”.

A súa primeira referencia chega en setembro de 2020, “Noites Contadas” (Ferror Records, 2020), un disco que foi gravado en Gales pero mirando a Galicia. Nos ecos do synthpop (Gary Numan, Orchestral Manoeuvres in the Dark, M83, New Order), e sons que beben do dream pop e do shoegazing (Slowdive, Cocteau Twins, The Radio Dept., Yo La Tengo, Beach House), resoan imaxes nocturnas de nostalxia, perda e crise de identidade, que deixan entrever tamén un renacer a través dun movemento cara ao futuro que é realmente un regreso á orixe.

“Non partín dun concepto concreto na elaboración do disco, pero nas cancións foron aparecendo ecos, sobre todo nas letras. Por exemplo, non me decatei ata o final de que moitas delas transcorren pola noite, de aí o título. E ao mesmo tempo é un xogo de palabras que fai referencia á memoria, ao paso do tempo, á nostalxia e á perda. Sen ser realmente un disco conceptual, si ten un certo fío narrativo, unha cronoloxía que vai do pasado ao presente e a un futuro soñado, e varios temas recorrentes. Ou quizais si sexa conceptual. Aínda estou asimilando o resultado do proceso de escritura e gravación, e eu mesmo vou atopando cousas que non percibín mentres o compuña. Como comentaba un pouco antes, máis que a miña propia opinión, o que de verdade me gustaría coñecer é o que percibe alguén que entre no disco desde fóra, ao contrario da miña experiencia, que en certo modo é como estar saíndo del”.

Percíbese unha grande introspección, letras ás veces espidas e sempre sinceras, moitas veces emotivas… “Algunhas letras xorden dun estado de crise, persoal e tamén noutros niveis. Unha crise pola cal comezas a cuestionarte moitas cousas, a replantexarte o que é importante, sendo máis consciente de que te vas achegando a unha etapa da túa vida que está xa máis preto do final ca do comezo. E aí aparece a nostalxia, e a perda, a rebelión contra o tempo, e tamén un pouco de autopródia en algunhas letras. Outras cancións teñen outro contexto, con algunhas referencias históricas e sociais… Un tema central é a nostalxia e a perda que a acompaña. Temos nostalxia do que xa non está, do que perdemos, mesmo do que algún día perderemos. Pero ao mesmo tempo hai unha dose de cuestionamento do que se bota de menos, que pode estar idealizado e quizais non era tan bo como o imaxinamos agora. Tamén está en algunhas letras o valor da amizade e o amor cara á xente que nos rodea, e a empatía cara á que non coñecemos directamente, pero cuxo sufrimento podemos sentir próximo igualmente”.

Con respecto á gravación indica que “gravei o disco na miña casa do norte de Gales, nun pequeno estudio caseiro, sen moitos medios. Intentei sacarlle o máximo partido ás limitacións e foi un proceso co que desfrutei moito. Cando rematei a gravación, envíenlla a Jahel Piñeiro de 8estudios (Lugo) para facer a masterización. Esa foi outra parte na que tamén o pasei moi ben, porque a pesar de facer a masterización a distancia, a comunicación con Jahel foi excelente e cada vez que me enviaba unha proba era como recibir un pequeno agasallo”.

En decembro de 2020 Ferror Records edita o single «Neve de Maio» (Ferror Records, 2020) en vinilo 7″ nunha edición limitada que se esgota rapidamente.

Dous anos despois presenta «Luz/Sombra» (Ferror Records, 2022), co que mantén esa esencia dream pop e synth pop en galego. “Cando comecei a escribir as cancións tiña en mente compoñer algo luminoso. Porén, a sombra comezou a aparecer con moita forza durante o proceso. Aínda que pareza que o título establece unha dicotomía, en realidade ambas están entrelazadas. De feito, as cancións máis escuras teñen referencias á luz, e ao revés. En xeral, o disco acabou falando de dor, rabia e frustración, aínda que tamén ten un sentimento de esperanza, de mirar cara adiante e deixar atrás a escuridade, de cambiar a algo mellor” explica.

Un disco continuísta en moitos aspectos, pero nesta ocasión percíbese unha maior presenza tradicional no disco… “Quería continuar co proxecto estético de combinar guitarras e electrónica. Neste caso, as guitarras tomaron quizais maior protagonismo, como unha maneira de expresar esa escuridade, e ao mesmo tempo rebelarse contra ela. Nalgúns temas quería un son máis rugoso e áspero, e experimentei coa superposición de varias capas de guitarras, e tamén busquei un son máis orgánico no baixo e na batería. Noutros temas a electrónica toma un papel máis protagonista, cunha maior presenza de sintes e de ritmos programados. Por outra banda, en ‘Ar’ tamén xoguei cunha pequena referencia á música tradicional galega. E en ‘Muiñeira do paxaro’ (Cara B do single ‘Supernova’, non incluída no disco), levei esa experimentación un pouco máis lonxe. Era algo que tiña ganas de facer dende hai tempo e lanceime a intentalo, aínda que a presenza da música tradicional no disco se limita só a unha pincelada”.

En 2024 chega «Azul Vindeiro» (Ferror Records, 2024), o seu traballo máis completo ata a data. «Se nos discos anteriores afondaba en moitas referencias (o que Marcos Gendre chamou “unha gran enciclopedia pop evocadora”, frase que me gusta moito), para este traballo fixen todo o contrario: intentei distanciarme dunha busca consciente de modelos. Aínda que todas as influencias seguen aí, déixoas aflorar no canto de saír ao campo a buscalas.

Esteticamente, tamén houbo unha intención de espir un pouco as cancións, en comparación con “Noites contadas” (2020) e “Luz/Sombra” (2022), álbums nos que o son se compón a base de capas de arranxos superpostos de guitarras, sintetizadores e voces. «Azul vindeiro» ten unha menor superposición de elementos. Moitas veces son varias melodías levadas por diferentes instrumentos que dialogan entre si, pero deixando espazo no canto de formar capas de son.

As cancións de «Azul vindeiro» non seguen unha cronoloxía nin unha liña narrativa, pero comparten algúns temas. Unha idea detrás do disco é recuperar a capacidade de pensar no futuro. Actualmente vivimos nunha crise continua, polo que xa non somos quen de proxectarnos máis alá do presente inmediato. Semella que non hai solución posible aos problemas que enfrontamos. Vivimos no debilitamento da esperanza. Varias das cancións deste disco rebélanse e intentan recuperar a capacidade de concibir un mundo mellor, aínda que parta do descontento do presente; talvez sexa precisamente por iso. De aí o azul do título, que identifico cun ceo aberto (ou un mar), unha imaxe do futuro, do que está por vir: do futuro: unha flor (como a imaxe da portada pintada polo artista bretón Dominique Rolland) que non tardará en abrirse ao mundo nunha nova primavera. Xunto a estas imaxes, outras cancións celebran unha especie de hedonismo social, unha celebración da vida, da amizade e do amor, en calquera forma que poidamos imaxinar.

Pero non nos enganemos, este aínda non é un álbum optimista. As imaxes escuras seguen mirándonos dende o fondo e hai momentos nos que podemos volver caer na desesperación. Contra eles: a rebelión do futuro azul» indica David.

Texto cedido por La Fonoteca.

Olla os seus discos na nosa tenda online!