fábrica de espejos

Shoegaze e synth pop desde Chantada
Fábrica de Espejos é unha formación de synth pop altamente emocional con cadencia shoegaze que nace en Chantada (Lugo) no 2017… “A formación inicial para os dous primeiros concertos, Kittin Party Pincelo e FiCh 2017, foi a composta por José Ángel ‘Yeyes’ (bases electrónicas), Humberto Novoa (guitarra) e Isaac Ferreiro (voz e guitarra). Yeyes e máis eu formabamos parte de Terror Erótico Adolescente, banda na que continúa o primeiro. O encontro tocando cancións de Los Planetas no aniversario dun amigo común derivou na incorporación de Alex como baixista. Para os concertos do verán de 2018 incorporouse Leticia Iglesias aos coros, sendo xa parte importante na gravación do noso segundo EP” explica Isaac.
Con respecto ao seu nome, afirma que “podemos dicir que fomos bautizados. Despois dun tempo pensando nesta cuestión sen atopar nada que nos convencese, optamos pola proposta de Javi Chico (Plástico), que xunto con Lúa (Trompas de Farlopio), deunos o pulo definitivo para sacar á luz estas ideas propoñéndonos hora e lugar no FiCh (Festival Independente de Chantada)”.
No seu son percíbese unha clara influencia da new wave dos 80, de grupos como New Order, pero tamén certa cadencia do synth pop escuro… “as referencias máis claras supoño que están na escena indie española dos 90-00, e no shoegaze británico”.
Na primavera de 2018 chega a súa primeira entrega, o EP “Esferas” (Autoproducido, 2018), gravado con Arturo Vaquero (Humanoid). “Con ‘Esferas’ a intención era dispoñer de cancións que puidésemos presentar en directo e así ter a oportunidade de dar concertos. O traballo de estudo foi moi dedicado e intenso (algo que sempre agradeceremos a Arturo Vaquero), aínda que o tempo do que dispoñiamos era bastante reducido. De entre os temas que viñamos ensaiando fixemos unha selección dos ‘máis redondos’ nese momento; a verdade é que gravar cinco temas superou as expectativas.
A idea global do EP non era algo que nos obsesionase. Igual que nos pasa con cada canción, o sentido global, polo menos ata a data, é algo que cremos que vai xurdindo espontaneamente a medida que van medrando”.
As letras xogan un papel importante. Letras traballadas sobre o paso do tempo, a melancolía, a perda… “Intentamos que as letras formen parte da canción como o fan os demais elementos que a compoñen… Ao ser ‘máis directo’, a linguaxe falada parece que ten máis peso, pero para nós a parte vocal está totalmente ao servizo da canción, algo que creo que se pon máis de manifesto no noso segundo EP.
Dito isto, a composición das letras adoita ir unida aos primeiros acordes que fan sentir algo diferente, un estado de ánimo, o dese momento preciso, que se trata de atrapar con palabras significativas e sinceras”.
En marzo de 2019 chega o seu segundo EP: “Astro Rey” (Autoproducido, 2019). Isaac cóntanos que “con ‘Astro Rey’, aínda que a idea se mantén, impuxémonos un nivel de esixencia bastante maior. Tratamos de coidar máis os pequenos detalles a nivel melódico e tímbrico. Para iso tamén quixemos dispoñer de máis tempo de estudo.
Cremos que, mantendo a liña de ‘Esferas’ (2018), conseguimos desenvolver mellor esa idea inicial, aspecto dentro do que hai que destacar a incorporación de Leticia nas voces”.
Tras dous EPs realmente interesantes dan un salto importante co seu primeiro longa duración: «Mundo Incierto» (Ferror Records / Facela, 2021). Un traballo gravado nos estudos Abrigueiro (Friol, Lugo) e producido brillantemente por Arturo Vaquero (Humanoid).
Fábrica de Espejos desenvolven un son propio que bebe de fontes recoñecibles, tanto do noise e o shoegaze, como do pop emocional e ás veces do dream pop. Grupos como Slowdive, Los Planetas, La Buena Vida ou Linda Guilala poden vir á mente en moitos momentos. No seu son percíbese unha clara influencia da new wave dos 80, de grupos como New Order, pero tamén certa cadencia do synth pop escuro.
«Mundo Incierto» é un traballo ambicioso co que constrúen un espello emocional que coma un caleidoscopio reflicte imaxes entre luminiscencias de distintas intensidades. Atopámonos con atmosferas oníricas cargadas de melancolía; cun abandono da urxencia, abrazando a suavidade sen deixar de ser intensos, tecendo melodías redentoras envoltas en distorsión.
Sopros no corazón con letras espidas e certeiras.
Olla os seus discos na nosa tenda online!
Síguenos!
ContactO
mail
ferrorrecord@gmail.com
Diseño Web por Tony RG para Ferror Records