garza

Electrónica evocadora
Garza é o proxecto de música electrónica formado por Adrián Charlín, músico que, dedicado durante anos á batería en diferentes bandas do panorama rock galego, decide comezar unha viaxe ao mundo da música electrónica como produtor, sen deixar de lado as percusións e engadindo baterías electrónicas ao proxecto.
“Garza nace a finais de 2018. Crear un proxecto de música electrónica en solitario era algo planeado moitos anos antes. Ao deixar de tocar en diferentes formacións, decido volcar os meus esforzos en Garza e empezo a darlle forma pouco a pouco. Non tiña moita experiencia previa en música electrónica salvo algún achegamento ao software e algunhas composicións moi básicas. A miña experiencia foi sobre todo como batería de bandas de rock alternativo durante toda a vida. Con Garza por fin cumpro unha inquedanza que tiña desde pequeno” explica Adrián.
Respecto ao nome elixido para o proxecto, indica que “a garza é unha ave coa que medramos todos os que nacemos na costa galega. Encántame observalas, parécenme incribles, fermosas. Identifícome con ela ademais, porque é unha ave solitaria e nocturna, encántame que este proxecto leve ese nome tan bonito”.
A música de Garza combina diferentes estilos, desde o experimental e noise ata a música de club máis transitable. Os estilos máis recorrentes son o ambient, trip-hop, IDM, con pinceladas de progresivo. En calquera caso, Garza trata de crear unha música de atmosferas que xogan constantemente coas intensidades. Outra importante razón de ser do proxecto é o directo: concertos nos que utiliza baterías, teclados e sintetizadores, compondo un espectáculo moi atractivo a nivel sonoro e visual, e incitando á audiencia a mergullarse nunha viaxe de emocións.
“É curioso porque a pesar de facer música electrónica, as miñas influencias son maiormente o rock sinfónico progresivo e o post rock. Basicamente toda a música que chamamos ‘alternativa’. Aínda que son coma unha esponxa e de todos os estilos que escoito quédanme as súas pegadas, os seus sons e estruturas, é algo que me ocorre de maneira case innata. Podo escoitar latin jazz e acto seguido techno, e gózoos por igual e sen prexuízos” apunta.
En 2021 edita o EP “Alborada” (Ferror Records, 2021). “Alborada é unha pequena historia da miña infancia en clave de música instrumental. Recolle o meu propio imaxinario dunha Galicia de mar e terra, reflectido nunha música electrónica de corte ambiental, case de ensoñación, de deixarse levar pola mestura de sons” explica.
Conceptualmente Alborada é un disco cun trasfondo sentimental e evocador, coa infancia e os soños en primeiro plano… “Para Alborada quería facer un disco electrónico, pero de corte ambiental xa que a miña musa neste caso foi o mesmo entorno no que medrei, mar e terra, a miña infancia nun pobo de Galicia. Creo que hai un exercicio de sinestesia inconsciente na arte que proxectamos, e gran parte vén da infancia. No meu caso, ademais de ser un neno con ensoñacións constantes e moita imaxinación, fun tamén un neno que tocaba o tambor en bandas que facían alboradas ao longo da xeografía de Galicia. Eses momentos e moitos outros, son pensamentos recorrentes que modelaron quen son, e por conseguinte, a música que fago. ‘Galician frecuencies’ está inspirado no bosque galego, así como ‘Ondas’ está inspirado na vida mariñeira. Todos os temas teñen ese trasfondo de Galicia, aínda que evidentemente a música vai máis alá, é unha linguaxe universal e cada quen déixase levar por onde quere. En ‘Cravos’ por exemplo, entre a miña música e a voz e letra de Manuel Seixas, conseguimos case sen querer que o mesmo concepto nos supere, os dous conectamos ás cegas dunha maneira incrible, dándolle unha dimensión ao tema que cada quen é libre de interpretar”.
Conta con Manuel Seixas (Korosi Dansas, Neuroband) interpretando “Cravos”, David Falcón aporta arranxos a “Ondas” e Xackal a súa voz a “Galician frecuencies”… “A Manuel coñézoo desde adolescente, xa que foi o meu profesor de filosofía no instituto. É un profesor incrible e unha persoa incomparable. No musical, temos moitísima afinidade, encántannos bandas como King Crimson, Genesis ou Pink Floyd. O curioso é que os dous tamén facemos música electrónica, e cando estaba a compoñer ‘Cravos’, non se me quitaba da cabeza a idea de que fixese unha voz, de que ese tema en concreto levase a súa voz, así que páselle o tema e cando escoitei o que fixera quedei alucinado. El tamén está moi feliz co resultado, creo que non o esperabamos ningún dos dous. Gozámolo moito. Ademais, sempre tivemos a espiña de facer un proxecto xuntos e deixamos a porta aberta a máis colaboracións mutuas. O mesmo con Xackal e David, son músicos fantásticos e espero volver tocar con eles”.
Respecto á gravación indica que “é cen por cen caseira, no meu homestudio. Para a gravación usei hardware (sintetizadores, batería electrónica) e software, do cal saco tamén outros sintetizadores, pianos, guitarras, etc. A pesar de ser música electrónica intento que sexa o máis orgánica posible, por exemplo, as baterías execútoas manualmente, son tocadas por min, para que non teñan ese carácter tan mecánico. Gústame tamén que os sons sexan bastante analóxicos, aínda que depende do tema. As voces de Seixas son gravadas por el, na súa casa. As guitarras de David Falcón son gravadas por el mesmo no seu homestudio, e o mesmo coas voces de Xackal. Hoxe en día os músicos temos esta sorte de poder traballar desde a distancia nas nosas casas”.
Despois do EP chega «Galician Frecuencies Feat. Xackal» (Ferror Records, 2021), onde presenta unha versión que conta coa interpretación sempre persoal e intransferible de Xackal.
En 2022 chega o seu primeiro LP: «Interferencias» (Ferror Records, 2022). Segundo traballo de Garza, que supón o traballo máis maduro. Un traballo editado en CD polo selo ferrolán Ferror Records que conta coa colaboración de Manuel Seixas (Korosi Dansas) e Rosalía Fernández Rial (Chicharrón).
Electrónica evocadora que o leva a ser finalista dos Premios Martín Códax na categoría de música electrónica.
Dous anos despois chega o seu segundo longa duración: «Vertentes» (Ferror Records, 2024). Un traballo no que a voz de Adrián gaña protagonismo.
Olla os seus discos na nosa tenda online!