ki

Rap, trap e experimentación
Ki é ante todo frescura e mensaxe. O que nos manda Iñaki López, que desde Vilachá (Monfero, A Coruña) se mostra como unha das mentes máis inquedas do panorama galego actual, nunha liña similar a Emilio José, salvando as distancias estilísticas. Iñaki é ante todo compositor musical e luthier electrónico, participa noutros grupos como Cuerpo Astral ou Os Gru, e tamén actúa cos instrumentos que el mesmo constrúe baixo o nome de dio3stu, levando a cabo verdadeiras performances rodeado de instrumentos e trebellos.
Con Ki, Iñaki non perde a súa esencia electrónica, pero adéntrase con atrevemento no rap e no trap. En febreiro de 2017 chega a súa primeira entrega, o disco «Halakini Vikisani» (Ferror Records, 2017). Un total de oito cancións cargadas de realismo e surrealismo, de humor e crítica dunha realidade e dunha sociedade chea de contradicións, postureo e materialismo.
Nas súas letras, Iñaki fala con naturalidade da súa vida na aldea, do día a día, do respecto entre as persoas. Faino a través de mensaxes directas que se captan ao voo. Os protagonistas son o castelán e o galego pero atrévese tamén cun «linguaxe inventado en base ao potencial fonético e ás cadencias melódicas propias da cultura hip hop»… «Jandili mali sismilijali sasino vi jisinu halakini vikisani / pulicusini viniquitani filiquitindi kindilimi militini kiti sami / estou michelini cunta quitrini / que me subín fantasnimi quiLisiLi tulifini / imos amodo que hai moito cacho / tinimisali qui ti mini chiliquili non fago caso… eu non falaba tiven que aprender / puna kitani kalo ni ke che / se ti me chamas i will be the first» canta en «Halakini vikisani».
Olla os seus discos na nosa tenda online!