lume

Tradición musical galega en pleno século XXI

Lume é o proxecto persoal do ferrolán afincado en Madrid Eloy Platas. Dende adolescente estivo en multitude de proxectos: Mar de Cristal, Propaganda Tres, Ptchwrk, Abandon… Aínda que actualmente está centrado en tres proxectos: «Actualmente estou centrado en tres proxectos, que son tres facetas do que fago: Amodo, Lume e a electrónica máis experimental ou distinta que fago co meu propio nome«.

Con Amodo céntrase nunha electrónica que define como “Slow Burning Time Travel Music”… “Música para escoitar, para transportarte a outros lugares, a outras pasaxes mentais, realizada de forma lenta en yuxtaposición ao estrés da vida moderna e á cultura da inmediatez. Música baseada no tempo e na dinámica. Puro escapismo pero cunha mensaxe clara que intento plasmar en cada tema”.

Lume é tradición musical galega en pleno século XXI. Un achegamento á música tradicional galega dende a heterodoxia. Unha asociación de folk, noise, electrónica escura e tintes industriais. Todo comeza no 2016: “Aínda que levaba xa un tempo rumiándoo, Lume nace en maio de 2016 no Fua Chaval Fest, en Madrid. Xa rematara o meu anterior proxecto (Propaganda Tres) e xurdiu a posibilidade de actuar nese festival, así que practicamente dun día para outro montei un par de temas que tiña na cabeza e improvisei o concerto. E funcionou. Todos os temas foron evolucionando a través dos sucesivos concertos que fixen en 2016 e 2017, moitos deles a partir de improvisacións.

Non quero que soe raro nin pretencioso, pero o detonante foi un momento no que me preguntei se estaba facendo música realmente miña ou se simplemente estaba copiando cánones alleos. Así que Lume xorde da necesidade de facer música realmente propia, honesta, coherente coa traxectoria que levaba e comigo mesmo. Estaba farto das influencias anglosaxoas (que ao final acabei aceptando), da invasión cultural que sufrimos dende hai un século, do oscurantismo e imaxinaría tétrica que se asocia e xera a escena noise, de facer refritos e fórmulas mil veces realizadas e dun millón de cousas máis. Ademais tamén me atraía moito o ambiente atávico de bandas como os sevillanos Orthodox e sempre fun moi fan de Hedningarna e proxectos similares. Dinlle moitas voltas, pero ao final a resposta estaba diante de min: a música galega, a música que coñezo dende sempre. As cancións que me ensinou a miña avoa, as que cantaba a miña bisavoa, as que canta miña nai. As que todos coñecemos. Pero interpretadas ao meu xeito, de forma contemporánea, e coa instrumentación que xa estaba a usar. Non importa que as composicións sexan alleas, importa como as executas e a visión que lles das, así que aínda que co tempo incorporei temas meus, decidín basearme en temas populares que levan sendo cantados varias xeracións. Total, nunca ía poder compoñer nada mellor nin máis sólido que esas cancións e era a forma de seguir esa tradición”.

Eloy escolle Lume para bautizar o proxecto, “o lume quenta e a calor é vida, pero tamén destrúe todo ao seu paso, e para poder construír hai que destruír. É fermoso e terrible á vez. O lume remóntanos e conéctanos co pasado, pero á vez arde no momento actual. Ilumínanos na escuridade pero á vez non o podes tocar porque queima. É fácil de crear e difícil de controlar e na actualidade está prohibido facelo en practicamente todos os sitios, é perigoso.

Por outra banda, vivín con bastante intensidade o revival celta que houbo en Galicia a mediados/finais dos 90. Non houbo festival ao que non asistise polo menos unha vez: Ortigueira, Moroñó, Pardiñas, Intercéltico, Herba e Son, Moeche, etc. Un montón. Foi unha burbulla musical marabillosa, e o berro de guerra en todos eles non era “Oh, yeah!”, era “luuuuuuuuume!!!”. É o berro galego de ánimo, de forza, de conexión, de irmandade. E é noso, non o importamos de ningún sitio porque en realidade non nos fai falta importar nada. ¡¡¡¡Lume!!!!”.

Para definir o son fala de Traditional Galician Noise. Cando se lle pregunta sobre as influencias ou fontes das que bebe, afirma “non sei. De verdade que non sei. Podería poñer unha lista de nomes de aquí e de acolá ou de discos que creo que me influíron a nivel sonoro ou conceptual, pero é o que vexo eu dende dentro. Un oínte externo vai relacionar isto con outras cousas e un terceiro con outras distintas e un cuarto diranos que estamos todos equivocados.

O que si teño claro que me influíu é a música tradicional galega, non a música en si, que tamén, senón o como se executou ao longo do tempo. A día de hoxe estamos afeitos a ver mil pandeiretas, gaitas e demais, pero nunha ruada, mesmo grande, de hai 60-80 anos o normal é que houbese unha ou dúas pandeiretas e gaitas igual porque o galego medio era moi pobre. O resto da xente que non tiña instrumentos ‘de verdade’ tocaba co que tiña a man, cunchas, botellas, culleres, garfos, muíños de café, etc. O que atopara, todo valía. E iso ensinoume que o instrumento non importa, importa como o tocas e o uso que lle dás. Entendín que non necesitaba instrumentos novos nin mellores equipos nin nada, de feito cada vez teño menos e aprendín que a austeridade instrumental beneficia á música. E díchelo un que mitificaba sintetizadores e reverenciaba amplificadores”.

Detrás de Lume hai un imaxinario que o impregna todo. A Galicia rural e celta, os símbolos sobre pedra… “Sempre me gustou a mitoloxía, a antropoloxía, a historia, as relixións antigas… todo o atávico. Son de todo menos un experto e eses son só algúns dos meus intereses, é dicir, ignoro moito máis do que sei e tampouco lle dedico moito tempo, pero todos eses temas e conceptos serviron de guía no proxecto, que en realidade non é outro que atoparse a un mesmo na actualidade, dende as súas entrañas. Tirei do fío e isto foi o que saíu. Por outra banda, gardo un recordo inesquecible de cando de pequeno iamos á aldea, a Coruxou e a Labrada, era como retroceder no tempo, era algo máxico, case místico. A miña avoa ademais cría no trasno, nos mouros, na Santa Compaña, nas meigas, nos responsos, en levantar a paletilla a distancia, en todo, a pés xuntiñas. Pero como ela dicía, ‘cando chegou a luz eléctrica todo iso acabouse’. Facer música con electricidade referenciando eses temas pareceume unha dualidade moi poderosa”.

Toda esa mística e tradición queda recollida en “Faino Ti Mesmo” (Ferror Records / Contubernio / Batir / Lusco e Fusco / Sonoplan, 2019). Oito cancións que combinan presente e pasado. Unha revisión experimental da tradición que desprende liberdade e frescura en todo momento. O disco edítase en vinilo e CD.

Con respecto á gravación afirma que “foi un pouco un cristo. Despois de gravar eu unhas maquetas, a gravación final realizouse nos estudios T-37, contando coa axuda do meu amigo Edu N’gongo. Tiñámolo todo preparado para facela na ponte do 1 de novembro do ano pasado. Era Samaín, fin de ciclo e comezo dun novo no mundo celta/atlántico. Estudo enteiro para nós, micros bos, todo cadraba, nada podía fallar. Pero só puidemos gravar unha parte porque collín unha gripe de coidado, subiume a febre e púxenme fatal, así que tivemos que repetir dúas sesións máis en decembro e xaneiro. Logo empecei a mesturar, pero pola metade tiven que cambiar de estudio e volver comezar a mestura con aparellos que non coñecía. Algo que nun principio ía ser rápido foi moi lento e frustrante, pensei que non o acabaría nunca”.

No disco atopamos pezas de tradición popular, e pezas clásicas como o “Quen poidera namorala” (Luis Emilio Batallán)… “Non distingo entre pezas tradicionais e pezas clásicas. Se un tema como ‘Quen poidera namorala’ é coñecido e cantado por varias xeracións, como xa o é, automaticamente convértese en tradicional. Non vexo diferenza ou liña de separación. A medida que ía investigando aparecían temas, refráns, melodías coas que por unha razón ou outra me sentía identificado. E sigo atopando máis, o proceso non rematou, véxome envellecendo facendo isto. Un busca e os temas aparecen”.

Olla os seus discos na nosa tenda online!