Manuel Seixas

Poesía, integridade e compromiso

Manuel Seixas formou parte de Korosi Dansas, unha banda que representou a vertente máis reivindicativa e á vez máis experimental do movemento bravú. Foron un grupo moi pouco convencional e fondamente concienciado cos problemas sociais do seu contorno máis próximo, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). A nivel musical temos que falar dunha fusión de estilos que vai desde o ska e o rock ata ritmos máis duros e distorsionados.

Tras poñer fin á banda, coa publicación de “Non!” (Chorima, 1997), Manuel Seixas -ademais de músico é escritor e poeta- iniciaría a súa carreira en solitario cos discos “A Velocidade do Frío” (Xerais, 1997) e “Presentimento” (Madame Mir, 2000).

Antes, Manuel entregara a novela “A Velocidade do Frío” (Xerais, 1996), a súa idea era facer a presentación con música para ela. Para iso foi confeccionando unha banda sonora con textos extraídos da novela… “Entón decateime de que aquilo era un disco, un disco estraño, variado, hipnótico como fora a novela. Ou iso pensaba e penso. De feito falei con Xerais, con Manuel Bragado en concreto, e comenteille a posibilidade de sacar á rúa este ‘experimento’, que logo os expertos consideran único no mundo mundial, en canto a ser o propio autor dunha novela, o compositor da música e o instrumentista básico da mesma”, comenta Manuel na súa web.

Con axuda de César Morais -Madame Mir- e de moitos outros amigos, comezou a darlle forma ao disco, nos estudos Pecado Records, posteriormente Fábrica da Luz (Santiago de Compostela). Colaboran na gravación entre outros: César Morais -baixos, teclados, piano, programación-, Espe -voz e coros en «Fred e a porta», «A historia de Santiago, batería» e «A historia da pescantina (instrumental)»-, Alfonso Franco -violín en “Intro”-, Santi Frutos -saxo en “Melburne: A viaxe de Xabier e Moncho”- e Carlos Castro -percusión en “Melburne: A viaxe de Xabier e Moncho”-. Para as voces, conta coa colaboración de Josito Porto, Carlos Blanco, Ana Romaní, Tacho González, Manuel Millán, Lino Braxe, Miguel Curra, Quico Cadaval, Paco Abelleira e a súa propia filla, Laura.

Un traballo fondamente experimental, definido por Seixas como “banda sonora sentimental”, no que ademais da súa faceta como multiinstrumentista, Manuel amosa un achegamento ao traballo co ordenador, é dicir, sampler, loops e demais. Vinte e catro temas en 64 minutos que van máis aló da novela da que parten, para se converteren nun traballo autónomo.

Tres anos despois chega “Presentimento”. Un disco producido polo propio Manuel, coa axuda de César Morais e Segundo Grandío. Na gravación realizada entre Area Master Estudios (Vigo), Casa de Tolos (Mañufe-Gondomar) e Fábrica de Luz (Santiago) participan: Ángel González (batería), Iván Laxe de Skornabois (programación), César Morais (teclados, piano) e Segundo Grandío (baixo e contrabaixo). Tamén colaboran, entre outros: Santi Frutos (saxos), Alfonso Franco (violíns), Carlos Castro (percusión), Marcos Coll (harmónica). E nos coros: Josito Porto, Xurxo Romero, Espe, Santi Frutos, Javi (Heredeiros da Crus).

Un traballo de moitos anos, cuxas primeiras maquetas son anteriores incluso a “Non!” (Chorima, 1997) de Korosi Dansas, que Seixas define como “A miña pequena xoia. O meu tesouro musical humano. Oxalá vos guste. Tede paciencia con el. Seguro que vos recompensa. Ou, xa sabedes, pode que non, pero iso é a vida. Contradición e algo máis”.

Tras dar forma ao proxecto Neuroband, co que edita varios longa duracións, volve sacar un disco asinado co seu propio nome da man de Ferror Records: “O Estraño Karaoke do Home Bata” (Ferror Records, 2022). Un álbum dobre que leva o subtítulo de “un rosario laico en dous misterios” e que el define como “O home bata é un bicho raro que quere saldar contas co que foi, co que é e co que ao mellor será. É seguir camiñando, camiñando. Este ser Home Bata ofrece un karaoke vital composto de dous misterios. Un rosario laico mestura de poesía e música. O primeiro misterio é a forma de pedir perdón e renacer, o segundo (2º CD) está dedicado in memoriam a Roberto Camba, César Morais e Fran Pérez Narf. Dulzura, rabia, lamento, noxo… son algúns ingredientes comúns cos que fala, berra e toca o Home Bata”.

Un ano despois chega «Electric Eyes» (Ferror Records, 2023), un disco conceptual sobre a jaqueca que é editado por Ferror Records en dobre vinilo e CD. O propio Manuel Seixas explícao: «Este disco dedicado a toda a xente que sofre de jaquecas-migranas (non «dor de cabeza») e a toda persoa que loita (loitamos) cada día coa doenza mental, agora tamén pode estar vivo nas túas mans (en cd ou dobre vinilo). Para min sería unha ledicia inmensa e axudaría a pagar os créditos nos que nos metemos para poder facer ‘real’ todo isto. Moitísimas grazas a Ferror Records, polo seu apoio incondicional, e pola súa capacidade de arriscar cun disco tan ‘difícil’ e único nesta terra no seu concepto global. A Xurxo Romero por ter confiado no disco desde o principio, e polo seu magnífico (como sempre) deseño gráfico. A Adrián Charlín (Garza) por escoitar o material e dicir que estaba moi ben. Sodes moi riquiños. Ademais, tanto Xurxo como Adri fixéronme suxestións e consellos que melloraron moito o resultado final. E a Víctor Karallada de KSF estudios, que sempre fai procesos alucinantes para que a voz soe o mellor posible«.

Un ano despois Manuel entrega outro traballo conceptual: «Humano, Demasiado Humano» (Ferror Records, 2024)… «O disco está dedicado a todas as persoas que loitan contra a crueldade da dor mental. Moito ánimo! Temos que saír deste inferno! Camaradas, saín desa pedra eterna de Sísifo e fun feliz hai varios anos. Agora, novamente envolto nas miñas miserias nerviosas, só ti podes dicir que unha vez que eu puiden saír, ti tamén podes, pode chegar o día no que as horas encaixen entre días simples que flúen e ao final non hai medo, ansiedade, senón vida digna«.

Olla os seus discos na nosa tenda online!