Radio Océano

Un dos primeiros referentes do rock galego, post-punk para a lembranza

Aínda que nos 80 o principal foco da escena musical galega era Vigo pola calidade e a cantidade de grupos que xurdiron na cidade, na Coruña tamén atopamos bandas como Radio Océano que puxeron un contrapunto norteño ante a omnipresenza viguesa.

A banda nace no 81, dous xornalistas cunha clara vocación punk lideran o proxecto, Xosé Manuel Pereiro (voz) -aka Johnny Rotring, si, parodiando a Johnny Rotten- e Santiago Romero (guitarra) -aka Rossmero-. Apóianse en Pablo Iglesias -tamén coñecido como Renato 414- á batería e Quique ao baixo. Xosé Manuel nunha recente entrevista en Sonotone comentaba: "escoitabamos de todo. Dos Ramones á Velvet, de B52 a Neil Young, power-pop como Romantics, e os obvios, Pistols, Exploited, UK Subs. Pero a referencia clara eran The Clash". As súas influencias eran descaradamente punk, a súa actitude e os seus directos tamén, pero quizais non foron capaces de plasmar esa enerxía nas súas gravacións, que se achegan máis ao post-punk de Joy Division ou Echo & The Bunnymen que ao punk de Exploited.

Deseguido toman contacto cos grupos da movida galega –Os Resentidos, Siniestro Total-, aínda que non hai que esquecer que Radio Océano formáronse con anterioridade a estes: Siniestro Total nacen no verán do 81 e Os Resentidos no 82. Por tanto estamos falando dun grupo pioneiro, un dos primeiros referentes do rock galego. A súa vinculación aos movementos culturais da época é realmente importante, colaboran coa publicación alternativa La Naval e co malogrado poeta galego Lois Pereiro, autor do máis que recomendable "Poesía Última de Amor e Enfermidade" (Ediciones Positivas, 1995).

A formación sofre constantes cambios ao longo da súa breve pero intensa historia. Así, apenas un ano despois do seu nacemento, entra Sito Evangelista -Sitdown- á batería, mentres que Pablo Iglesias pasa a ocuparse da guitarra e Santiago Romero do baixo. Quique abandona o grupo.

No 83 gravan a súa primeira maqueta con dous cortes, "Hago cine con mi coche" -que sería incluída no seu único longa duración- e "Pánico en las Falkland", e inclúen varios temas no recompilatorio "Spaniard Punk Olé" (Grabaciones Magnetofónicas Piratas, 1983), compartindo pistas coas Vulpess e IV Reich entre moitos outros.

Un ano despois achéganse ata Lisboa para gravar a súa segunda maqueta, cos temas "Hago cine con mi coche", "Narcisismo", "Volverás" e "Me gustaría que Stanley me confundiese con Livingstone". Con "Narcisismo" acadan o seu primeiro éxito na radio, trátase dun fermoso poema de Lois Pereiro que debeu ser incluído no seu longa duración.

A banda sofre de novo cambios na súa formación, entran Dani Punta -quen tamén tocaba con Viuda Gómez e Hijos– á batería e Pablo Constenla ao baixo.

No 85 dan o salto, gañan o concurso de Radio Nacional de España para grupos noveles, o que lles permite gravar o seu primeiro e único longa duración "Nin Falta que Fai" (RNE, 1986). Na reseña do disco aparecida en Ruta 66 podemos ler: «El resultado final son diez potentes canciones con las más diversas influencias musicales, acompañadas de unos textos salpicados de dosis de humor. Del repertorio presentado habría que destacar los siguientes cortes como los más atractivos: 'El balcón', 'Aplazamiento' y 'Como o vento'». Xosé Manuel lembra con naturalidade aquela gravación: "Tiñamos amizade con Manolo Ferreras, o que facía Tiempos Modernos en R3, un magazine de 8 da mañá a 12 do mediodía que era un faro da modernidade. Propúxolles aos directores, que estaban montando un selo discográfico e dixéronlle que si, sen máis problemas. Puxéronnos cinco días un estudio de 8 a 15,00 en Prado del Rey (sempre chegabamos sobre as 12) o disco fixérono co que gravamos alí e nós encargámonos da posproducción".

Coa reconversión naval en mente, participan no Festival Rock de Solidaridade cos Traballadores de ASTANO. Como anécdota dicir que o grupo puido representar a España no Festival de Eurovisión do 86, pero tras o seu rexeitamento, os elixidos foron Los Cadillac.

A banda aguanta ata o 87, con moitas baixas, só continúan Xosé Manuel e Dani Punta, e novas caras, entran Jorge Fernández á guitarra e Santi Pazos ao baixo.

Xosé Manuel continuaría ligado ao mundo da música con novos proxectos, Los Hermanos de la Costa e o peculiar Coro de Rozadores (de Santa Cristiña de Viso), un grupo que en palabras de Pereiro era "unha superbanda de traballo temporal que compoñía por teléfono e ensaiaba nas probas de son, nas que estaban desde a xente de Diplomáticos, Amil de Os Papaqueixos, Manuel Seixas de Korosi, e en ocasións Julián Hernández, Manu Chao… quen pasase por alí. Soamente actuaba nas presentacións da revista Bravú, porque os dous ou tres temas que se gravaron eran para os CDs da revista, ou na Feira das Mentiras, ou para algún documental televisivo". Outro dos membros da banda, Pablo Constenla, rebautizado como Pablo Bicho cambiaría totalmente de tercio na súa aventura en solitario, achegándose aos ritmos latinos.

O 23 de abril de 2010 Radio Océano son homenaxeados na sala NASA de Santiago nun concerto no que incluso os membros orixinais tocaron algúns temas. O lema era "O atlantismo somos nós" e no acto participan artistas como Fran Amil, Xurxo Souto (Os Diplomáticos de Monte-Alto), Uxía Senlle, Os Tres Trebóns, Os Homes Sen Medo, Marcos Payno, Leo i Arremecaghoná (Das Kapital), Martiño Wu (The Homens), Marcos Rastreros, Xosé Bocixa (Zënzar), Antón Papaqueixos, Julián Hernández, Miguel Costas ou Antón Reixa.

En 2016 Pantera e Iribarne editan «Radio Océano» (Pantera e Iribarne, 2016). Cun deseño coidado ata o máis mínimo detalle lanzan este single en vinilo 7″ en dúas edicións limitadas. Unha coa foto de portada sobre cor vermella e vinilo de cor branca, e outra coa foto en branco e negro e vinilo de cor negra (250 copias). As primeiras copias inclúen un parche de tea co logo da banda. A foto é obra de Xurxo Lobato, os logos de Xosé Manuel Pereiro e o deseño de Rubén Suárez.

Con este lanzamento queda saldada unha débeda histórica, a de que un himno como «Narcisismo» coñeza o formato vinilo. O corte fora gravado para a súa segunda maqueta, nos estudios Rádio Triunfo de Lisboa en 1984, pero non fora incluído no seu único longa duración: «Nin Falta que Fai» (RNE, 1986). Trátase dun poema do poeta Lois Pereiro, irmán de Xosé Manuel, que destila vida e morte a través dunha garra agresiva que marca o camiño… «Sigo os pasos do sangue no meu corpo / e coa unlla do meu dedo máis firme / abro un sulco vermello en media lúa na vea que me acolle tan azul«. Post punk eterno.

O single é presentado o 24 de setembro de 2016 na Nave 1839 (A Coruña) nun concerto realmente especial no que actúan Sr. Anido e Lamprea Explosiva. No cartel do evento engadíase un "+ convidados", que non resultaron ser outros que os propios Radio Océano orixinais, dando un concerto cargado de intensidade.

Dous anos despois Subterfuge lanza o recompilatorio «Memorias do Óxido» (Subterfuge, 2018). Recollen en dobre CD e LP a produción da banda coruñesa, fano dentro da súa división dedicada ao rescate e a arqueoloxía musical chamada «Canciones Desde la Tumba». Carlos Galán explica no libreto a fascinación que sente pola banda desde a súa primeira escoita: «Non daba crédito ante tanta marabilla, rabia contida, instrumentación personalísima e unhas letras moi por riba da media. Compartino con moitos amigos que tampouco os coñecían e que tamén alucinaron, ata que un día decidín que tiña que desempoar a pa profanadora e facer algo realmente útil polo planeta: reivindicar a berro pelado a Radio Océano«.

No primeiro disco atopámonos coas gravacións de estudio do grupo, desenvolvidas en tres momentos: nos estudios Radio Triúnfo de Lisboa no verán de 1984 -«Narcisismo«, «Volverá» e «Quisiera que Stanley me confundiera con Livingstone«-, na Casa da Radio de Prado del Rey para o LP «Nin Falta que Fai» (RNE, 1986) e nos estudios Cítola da Coruña a mediados de 1983 -«Pánico en las Falklands» e «Hago cine con mi coche«-.

No segundo disco inclúense gravacións en directo. Hai fundamentalmente arqueoloxía e rescate como «Chungs not dead» gravada no Playa Club (A Coruña) en 1982, «No me mola tu pistola» (Pub Sitio Distinto de Vigo, 28 de decembro de 1984), o trío inicial gravados no concerto «24 horas en Directo de Radio 3» o 15 de abril de 1986 en Alcalá de Henares, e o groso do disco, que procede da Aula do Centro de Drogodependencias de Ronda de Nelle (A Coruña) o 15 de marzo de 1984. Aínda que tamén hai actualidade, incluíndose unha gravación do clásico «Como o vento» na Nave 1839 (A Coruña) en novembro de 2017.

En 2023 volven á carga con «Un Furioso Silencio» (Ferror Records / Ulomanía Coop. / Pafff Bum! Discos, 2023). Sons rebeldes para tempos atroces. Cos mesmos intérpretes/executores orixinais de «Como o vento«, «Narcisismo» e «Terra Chá» (Johnny Rotring, Ross Mero, Pablo Iglesias, Dani Punta) presentan catro novos temas tan contundentes como incisivos, que recollen nun vinilo de cor azul publicado por Ferror Records, Ulomanía e Pafff Bum! Discos, e iso foi posible grazas ao crowdfunding dirixido por Ith Crowdfunding, da Fundación Uxío Novoneyra. Catro temas gravados con Tomás Ageitos en Estudos A Ponte, en maio de 2022.

No disco hai letras de Lois Pereiro («Revisando os danos«), lamentos do Prestige («Un furioso silencio«), a denuncia de Yeats sobre quen se ven obrigados a participar en guerras alleas («Un aviador irlandés prevé a súa morte") ou a imposibilidade de desfacernos hoxe de quen anunciamos que eramos onte («Serás eterno«).

A edición de vinilo azul de luxo presenta obras de arte de Leo Sousa. E o formato físico trae unha gran sorpresa e un agasallo único: unha cara B cun intenso directo gravado na Sala Potemkin (Santiago de Compostela) o 24 de xaneiro de 2023. Outros catro temas entre os que atopamos o mítico «Narcisismo» (letra de Lois Pereiro) e «Como o vento«, unha versión dos clásicos «Miña terra gallega» (Siniestro Total vía Lynyrd Skynyrd) e «Vendidos«. E estamos falando dunha sorpresa e un agasallo porque estas catro cancións do show en vivo non terán distribución dixital, e só terás acceso a elas en formato vinilo. A vida é dura.

Olla os seus discos na nosa tenda online!