Sr. Anido

O home que sempre estivo aí

Rafa Anido é unha das mentes máis inquietas da escena máis subterránea galega. Ideólogo do Galician Bizarre, fundou unha infinidade de grupos ao longo da súa carreira. Desde os seus inicios nos 90 no colectivo compostelán a Familia Feliz, no que desenvolve os seus primeiros grupos -destacar Taxi Driver e Hemisferio Izquierdo-, deu forma na segunda parte da década do 2000 a bandas como Los Iribarnes, Jiménez del Oso, Jiménez los Santos ou Metralletas Lecheras, e máis recentemente Travesti Afgano.

Paralelamente á multitude de grupos que pon en marcha durante todos estes anos, Rafa Anido mantén un proxecto en solitario, Sr. Anido, co que dá renda solta á súa faceta máis persoal e experimental.

Como Sr. Anido realiza un total de dezaseis gravacións desde 1999, e é mellor falar de gravacións, xa que a liña divisoria entre maqueta e disco non sempre está tan marcada… “¿cal é a diferenza entre un disco e unha maqueta? Discos de Los Vegetales, The Gories, Lee Perry… pola calidade do son ou a produción poderían considerarse maquetas, xa que foron gravadas aquí te pillo aquí te mato, e con todo son discos grandiosos. Discos con gran produción incluso de grupos artistas que che gustan ou che gustaron poden resultar horribles no seu resultado final” comenta.

Cun catro pistas comeza a gravar cada fin de semana desde ese ano 99, entregando traballos interesantes como “Sr. Anido 16” (Autoeditado, 2008), gravado “na casa de Robillo e no estudio do seu plas (Sonidina Estudio, Ogrobe). Vibracións no ambiente bastante boas”. Rubén Domínguez (Telephones Rouges, Metralletas Lecheras) chega a gravar un interesante videoclip na península do Barbanza sobre un dos temas.

Pero despois de tanta gravación caseira chega un momento no que Rafa quería que alguén o gravase. Agora tería que gravar cun ordenador, e tras pasarse moitas horas diante dun no traballo, decide que é importante a figura dun produtor que ademais enriqueza o son e participe del. Aquí é onde entra a figura de Javi Álvarez (Fluzo, Dúo Cobra)… “Todo comezou nunha xira de concertos de Fluzo por Galicia. Eu toquei con eles na Coruña e Javi quedou impresionado co concerto. A partir dese momento insistiu en que quería gravarme no seu estudio La Follable ata que conseguiu convencerme. O proceso foi moi longo, catro anos aproximadamente, pero el traballa así, de maneira minuciosa e perfeccionista. Non estaba acostumado a tanta precisión, pero o resultado salta á vista. Todos os arranxos, momentos e deseño gráfico son dunha calidade brutal”."

O caso é que en novembro do 2010 Señor Anido e Fluzo tocan na Casa das Atochas (A Coruña). Rafa e Javi non se coñecían, pero tras velo en directo Javi propúxolle gravar as cancións que escoitara esa noite. Rafa non toma moi en serio o ofrecemento, pero tras ver que cada vez que coinciden a oferta seguía en pé, decide gravar con el… «Decidín que o que facía aquel paisano que se plantou con looper, guitarra, micro e a peli de ‘Dersu Uzala’ había que rexistralo dalgunha maneira, e desde ese día cada vez que coincidiamos dábame a brasa co tema. Pero Rafa é un pouco daquela maneira e tende a pensar que quen lle tende a man é para sisarlle as voltas ou venderlle un chisqueiro» afirma Javi."

“Ninguén nunca desde 1999 cando empecei con Señor Anido apostara tan forte por min… Vivimos nun mundo artificial, cheo de seres que perden a luminosidade coa que nacen, eu estou a punto de perdelo tamén por momentos. Pero rebuscando por aquí e por alá atópase xente que a conserva case que intacta e que fai que un se reconforte. Un deles é Javi, amigo xa ata o fin dos tempos e fonte inesgotable de vitalidade e inspiración” explica Rafa."

Así é como o que ía ser unha maqueta máis, crece ata converterse en “18” (Prenom / Grabaciones de Impacto / Porno / Bajoelvolcán, 2016)… “Ao principio a idea era gravar de novo as miñas cancións, na anterior a ‘16’ fun ambicioso e coa axuda de Robillo foi a primeira en gravarse nun estudio (todas as demais foron gravadas nun 4 pistas analóxico na miña casa). Pensei que tería algo de repercusión e foi nula como case sempre. Pero coa aparición de Javi, todo cambiou, de feito, o disco deixa de ser un proxecto persoal e convértese nun disco dos dous”."

Un traballo asinado como Sr. Anido & Sra. Álvarez, no que Rafa aporta guitarra, voces e baixo; e Javi saca todo o seu arsenal: guitarras, sintes, percusións, variophon, vibráfono, asubío canario, Gameboy, órgano, batería, arpexo asperger, sidekelele, circuit bending, caixas de rezos, ruídos, coros e voces.

Estamos ante o disco máis ambicioso de Rafa. As súas cancións están vestidas coas mellores galas e Javi soubo sacarlles todo o potencial nunha produción de auténtico luxo. Todo iso mantendo intacta a esencia experimental de Rafa, as súas recoñecibles guitarras e eses desenvolvementos no seu idioma inventado ou propio tan marca da casa. Todo iso atopámolo na inicial “Mimatis mones ti mi”. Un medio tempo efectivo no que nos atopamos co idioma anidiano. Esa vertente idiomática propia, algo que levaron a cabo grupos como Penélope Trip, ten unha xustificación: “iso ocorréuseme un verán no que me dediquei a tocar en directo buscando a improvisación total, facendo desenvolvementos de 16 minutos. Hai vídeos en youtube desa época. Sempre é mellor inventar un idioma que facer guachi guachi (intentar cantar en inglés)” explica Rafa."

Todo está coidado ao máis mínimo detalle, desde o incrible deseño do vinilo con carpeta aberta, ata o insert interior coas cancións comentadas unha a unha e a explicación de como se xestou este proxecto.

En 2022 Anido volve á carga con «19» (Ferror Records / Peroquébien / Ulomanía / Pafff Bum / Mama Vynila / Ansua / Interruptor, 2022). Un disco gravado polo Hevi (Fluzo, Malandrómeda) nos estudios Soyuz durante o ano 2020. Unha viaxe a un universo persoal e intransferible cargado de emocións. Salpicado de denuncia e reflexión, da dor producida polo lado perverso da sociedade ou da soidade á que se ven abocados os que non comulgan coa norma imperante.

Dous anos despois chega «Signora Anido 20» (Ferror Records /  Ulomanía / Pafff Bum / Verdadeiro Rap / PELUQ art / Ansua, 2024). Vinilo 12″ gravado con Nick Trampolino en Valencia, da masterización encárgase José Guerrero en Plataforma Continental.

Olla os seus discos na nosa tenda online!