Torso

Electrónica directa

Ibán Pérez ten unha importante traxectoria e unha carreira dilatada. Tras comezar a tocar o baixo moi novo, márchase a Escocia con 19 anos. “Alí empecei atocar con outra xente, e ao rededor do 2002 formei un grupo de post rock (L. Casio Immunitas) co cal gravamos un disco da man de Brendan Ou'Hare (Teenage Fanclub, Mogwai, Macrocosmica), persoa clave da historia do underground da cidade sen ningunha dúbida. Durante este tempo estaba tamén estudando batería e logo produción musical, o cal me levaría a montar un estudo, e gravar, entre outros, o primeiro disco de Indómitos”.

Ibán vive en Escocia ata o 2013, participando activamente dá escena underground dá cidade. “Outro dos proxectos dos que formei parte durante 4 anos foi Tut Vu Vu, grupo avant-garde cos que gravaría un Ep (Slow Sound Horn) e un disco (Tut Vu Vu). Tamén 3 temas como parte dun recompilatorio que recollía o mais interesante da escena de Glasgow (Some Songs-Side by Side, 2012). Con Tut Vu Vu, tocaba batería, trompeta, baixo e sintes. E é aquí onde empecei a tocar trompeta en directo, cousa que non facía antes. En canto a música para imaxe en movemento, sempre o tiven vinculado á composición dalgunha maneira. Primeiro colaborando con estudantes de arte e logo con curtos e películas. Hai pouco, xa con Torso, tiven o pracer de realizar unha performance en directo co director John Price, como parte do festival de cinema experimental S8”.

En 2013 volve a Galicia para montar o estudo Terraforma. “Desde ese ano ata hoxe estiven en varias formacións, á parte de Torso e The gentle Wire. Toquei con Sélvatica, Fee Reega e Anxo Araújo, con quen acabo de gravar varios singles.

The Gentle Wire é o meu outro proxecto, que é mais paisaxístico e orgánico, e representa quizais a necesidade de usar todo tipo de instrumentos e colaboracións, sen ter que pensar en se é ou non posible levar a directo”.

É en 2017 cando nace Torso. “Torso nace como dúo xunto a Xavi Souto alá por en 2017, e xorde de querer experimentar con aparellos electrónicos e pasarllo ben facéndoo. Con esta formación estivemos un par de anos, aínda que non moi activos, e disolviendonos finalmente antes da pandemia, debido tamén a incompatibilidades horarias por razóns de traballo”.

Con respecto ao nome elixido para o proxecto, indica: “Honestamente, nada que ver co significado en se. Gústame a sonoridade da palabra e expresa moi ben o son que levo a directo”.

En xuño de 2023 chega o single “Ciudad Accidente” (Ferror Records), adianto do que será o primeiro traballo de Torso. “Ciudad accidente, que á súa vez é o nome doutro proxecto que teño cociñado con Juan Aguirre, do grupo Asma (Santander), é a primeira gravación de Torso. Como enxeñeiro de son, estaba a custarme plasmar a enerxía que Torso ten en directo.

Sempre é moito mais fácil capturar enerxía de instrumentos orgánicos, e facer que sexa representativo. Con Ciudad Accidente fun moi meticuloso durante todo o proceso, mesturándoo a cinta para sacalo un pouco dunha electrónica estéril, que moitas veces
carece de textura”.

Olla os seus discos na nosa tenda online!