Trajedesaliva

Psicofonías sensuais
Trajedesaliva son un rara avis dentro da nosa escena, un pequeno tesouro escondido que fai gala dunha elegancia e dun bo gusto exquisito. O seu é a experimentación, a sinxeleza armada con ritmos ambient, avantgarde, góticos e post-rock, como vehículo para alcanzar unha beleza ás veces sórdida e outras veces realmente soñadora. Podemos falar de psicofonías sensuais, de poesía escura electrificada ou simplemente deixar as palabras á marxe e dedicarnos a gozar.
A banda nace en Vigo no 98 e comezan desde un primeiro momento a escurecer e a iluminar melodías co propósito de alcanzar a emoción e de crear atmosferas que cativan ao oínte desde a primeira escoita. A súa primeira entrega é o EP “El Cuerpo y la Ciudad” (Splat, 1999), catro cortes intensos nos que queda establecida a súa liña conceptual musical e un son marcado polos claroscuros e as dualidades: beleza e sordidez, impresionismo e expresionismo, opresión e liberación, amor e dor, dark wave e luminosidade. Na portada unha fotografía dos atlantes de San Petersburgo, Rusia."
A súa primeira longa duración chega un ano despois, “Mima” (Free, 2000). Un traballo gravado nos estudios Bucliot de Cambre (A Coruña) con Santiago Alcalá na produción. A portada é unha fotografía de Gottfried Helnwein, fotógrafo austríaco mestre do recoñecemento sorprendente que presenta a infancia como unha das súas principais obsesións. “Mima” é un traballo co que afianzan a súa proposta e conseguen alcanzar a aceptación en ámbitos moi distintos, desde as músicas de vangarda, incluso a new age, ata os de tendencias máis escuras… pasando polo público independente. Tamén establecen unha interesante amizade con Corcobado, traballan con algunhas das cancións de “Fotografiando al Corazón” (DRO, 2003), e colocan “Silencio” no recompilatorio “My Dear Freaks” (Caustic / La Defunción, 2002)."
O selo Margen distribúe o disco en Sudamérica, Australia e Xapón; e encárgase da edición do seu seguinte traballo: “Mima Blanca” (Margen, 2003). Nel mostran unha proposta menos impactante e desgarradora que na súa anterior entrega, utilizando maioritariamente instrumentos orgánicos. A formación preséntase composta por Mon Ninguén (teclados e sintetizadores), Una Vena (voz, textos e artwork), Ricardo Rozas (guitarra) e Samuel Pérez (batería) e unha sección de ventos formada por Guillermo Lancelotti (trompeta e fliscorno), Xosé Lois Romero (acordeón) e Pedro Lamas (saxos alto e soprano). A gravación transcorre nos estudios Altamarea (Vigo) e Bruar (A Coruña), da produción encárgase de novo Santiago Alcalá e da portada a propia Mónica Campos (Una Vena). O disco está dedicado a Diamanda Galás e Nico, quen inspiraron a música do álbum. Trátase ante todo dun traballo instrumental e atmosférico, que presenta un único corte cantado e ningún titulado, cun son intenso que nos pasea por entramados jazzísticos con in crescendos redentores. Todo ao servizo do sentimento."
No 2006 entregan “Trajedesaliva + Chaos Condensed: Ciertos Animales de Costumbres Discretas” (Caustic / La Defunción, 2006) froito da súa asociación coa formación de spoken word Chaos Condensed. Da edición encárganse o colectivo canario La Defunción e o selo vitoriano Caustic. A gravación realízase en Vigo e conta con Santiago Alcalá na produción e Jesús Gestoso na masterización; a portada e o deseño están inspirados nos tests psiquiátricos de Rorschach. Nesta ocasión as partes vocales volven gañar protagonismo (iso non significa que a instrumentación deixe de ser un dos puntais do proxecto) en forma de ladaíñas que chegan a ser agónicas, opresivas… e fermosas. Nos textos ademais de composicións propias recorren ao poema “América” de Allen Ginsberg. Sen dúbida, o seu traballo máis escuro."
Despois duns anos de parón, Trajedesaliva volven en 2021 con «Ultratumba» (Á Marxe / Ferror Records / GH Records, 2021). Os seus claroscuros baseados na experimentación, a electrónica, o gótico e o dark ambient alcanzan un novo nivel neste disco, editado polos selos Á Marxe, Ferror Records e GH Records. Un traballo envolto nas misteriosas pinturas de Emilie Lagarde que vén representar unha viaxe vital en forma de diálogo de familia, unha mirada interior, entre a pena, a aceptación e a esperanza, en busca da orixe do sentimento melancólico. Unavena indícanos que «refírese a un estado mental como de cadáver, que contempla desde unha quietude melancólica, a vida, a familia e as relacións«."
«Ultratumba» está gravado utilizando só sintetizadores analóxicos e voz, sen secuenciadores nin programación. Nese sentido podemos dicir que é un disco de electrónica pura e artesanal. Aínda que se desenvolve a base de capas de son próximas ao dark ambient, atopamos ecos da música industrial e o drone. A gravación non foi nada sinxela como nos indica Mon Ninguén: «Desde que decidimos que só iamos utilizar sintetizadores analóxicos e voces o disco comezou a converterse en algo moi especial, pero tamén nunha fonte de problemas e incomodidades que tivemos que ir afrontando pouco a pouco. En primeiro lugar porque non utilizamos presets nin memorias. Todos os sons foron creados desde cero e cada pista gravouse en vivo, sen secuenciar nin editar nada.
Despois, a mestura tamén foi unha dor de cabeza para manter todas esas pistas ben arriba, como queriamos. Buscabamos uns ambientes moito máis potentes e cargados do que se adoita escoitar no ambient. Queriamos todo a tope e en primeiro plano. E iso, cos sons analóxicos tan gordos que fixen, acabou sendo todo un reto técnico. Hai anécdotas para aburrir da gravación. Pero o importante é que ese sacrificio que fixemos, renunciando ás comodidades do software e os plug-ins, foi o que nos permitiu conseguir este son que emociona tanto«."
O disco está dividido en dúas partes, como nos indica Unavena, «a primeira, máis dura, con ‘Todo era blanco’, ‘A casa por las vías’, ‘Familia Ferro’ e ‘Arenas calientes’, cobre escenas de infancia a xuventude. Na segunda, máis melódica, con ‘Mamá es un animal morado’, ‘Mammillaria sempervivi’, ‘Queremos verte’ e ‘Ultratumba’, percorremos momentos xa sen pais pero co horror de ocupar agora o seu lugar e o seu papel. É unha viaxe brumosa que se mestura cunha realidade material onde a familia e a creación/destrución/transformación das relacións estaría no punto central«."
Olla os seus discos na nosa tenda online!