Willie & Winnie

A madurez tras Kozmic Blues

Tras poñer punto final a Kozmic Blues, Elisa Sánchez –Elise Denisse– (voz) e Andrés Toimil –Andy Bill– (guitarra e voz) poñen en marcha Willie & Winnie. O nome tómano dos protagonistas da obra de teatro “Happy Days” de Samuel Beckett."

O dúo ferrolán mantén o seu gusto polo folk-blues íntimo e escuro, aínda que amplían horizontes co jazz e incluso a electrónica. O certo é que é difícil outorgar unha etiqueta que defina o seu son, xa que navegan por distintas augas aumentando a paleta de cores da súa música. Xiran polas salas máis importantes de Galicia, tamén por Xixón, Oviedo, Madrid, Barcelona, León e Portugal. En 2018 participan no festival Setembro de Ferrol, xunto a Los Punsetes, Morgan e Ezetaerre. Un ano despois acompañan a Ben Salter (unha das voces mellor consideradas de Australia. Colaborou, escribiu e actuou con artistas como Marlon Williams, Mick Thomas ou Tim Rogers) na recta final da súa xira europea International Madness."

O seu primeiro disco, terceiro se contamos os dous anteriores editados como Kozmic Blues: «Premonition» (2015) e «Dream for Winter» (2016), chega en 2020, «You & I» (Autoproducido, 2020). Un traballo gravado con Arturo Vaquero (Humanoid) nos estudios Abrigueiro de Friol (Lugo), quen explica o concepto do álbum: «Willie & Winnie apareceu en 2016 para gravar no meu estudio por primeira vez. Eran xoves, pero moi decididos. Decidiron repetir para gravar este disco. Desde o primeiro tema que traballamos atopeime cun son máis elaborado, pero, sobre todo, atopeime con dúas persoas que se somerxeran por completo nunha ardua investigación musical, conseguindo así un resultado sorprendente. Decateime enseguida e propúxenlles non só ser o estudio no que gravar, senón tamén o seu coproductor. Había unha parte do seu son na que o meu humanoide interior podía colaborar, e eles aceptaron encantados.

‘You & I’ consta de dez temas. Presentámosvos un disco desde o meu punto de vista novidoso. Un disco redondo. Pódese escoitar unha mestura de sons que dá lugar a algo que poucas veces se viu neste país. Unha mestura de folk americano, pop, jazz, ambient, electrónica e unha dose de espesa escuridade. Willie & Winnie é un grupo do máis coidado, a nivel musical, a nivel de imaxe, de determinación e traballo. Pero sobre todo é un grupo ao que, aínda que xa se le teña en alta estima en Galicia e algúns lugares de España que xa visitaron, estou seguro de seguirán aumentando o seu valor en todos os sentidos. Willie & Winnie está a facer algo que transmite perdurabilidade e universalidade, e se seguen por este camiño, posiblemente perdure no tempo«."

Trátase dun disco exquisito, por el sobrevoan sombras, melancolía e escuridade, pero fano desde unha perspectiva sutil e coidada. O silencio, a orde e a pausa son determinantes na execución. Un disco intimista e transcendente que nos deixa xoias como «Ghost City» ou «Hotel Blues» (Xaime Miranda encárgase de realizar un estupendo videoclip do tema)."

En 2021 participan no disco tributo a Andrés do Barro, «Andrés do Barro: Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada Dende Ferrolterra» (Ferror Records, 2021) con «Eu non sei«. Fichan polo selo ferrolán Ferror Records cos que lanzan o single «Midnight Crisis» (Ferror Records, 2022). Volven confiar en Xaime Miranda para a realización do videoclip do corte."

Olla os seus discos na nosa tenda online!