Chicharrón – Unha Fogueira Intacta (Vinilo)
1. Videntes namoradas 02:42
2. Outono de fíos eléctricos 03:47
3. Ondeando 03:27
4. O mes sen minutos 03:18
5. O espigador 02:53
6. Oda aos vagalumes 03:45
7. Por canto non o facemos? 03:33
8. Highway to heaven 02:58
9. Procesos de oxidación 05:04
10. Vas a quedar a mirar? 03:40
11. Xogando nunha praia de entullos 04:01
15,00 €
detalles
Vinilo 12″ con insert ” Unha fogueira intacta”
Case sen darnos conta, a escena do pop en galego consolidouse como algo moi serio, disposto a perdurar no tempo, e que, ademais, camiña en paralelo con outras disciplinas, como o mundo audiovisual, a poesía, a fotografía, o deseño ou o cómic. Tamén, case sen darnos conta, Chicharrón foi gañando peso como un catalizador de todo isto, unha célula creativa absolutamente única polo seu carácter sempre mutante e, ao mesmo tempo, sólida nos seus ideais e conviccións.
Todo comezou case sen pensalo, como un impulso persoal de Alberto M. Vecino. O seu anterior proxecto, Franc3s, posuía un interesantísimo potencial, pero preferiu queimarse entre campás de lume rosa antes que desvanecerse. O tráxico falecemento do pintor Alberto Gende, amigo moi próximo de Alberto, provocou a urxencia de construír cancións desde a parte máis visceral da memoria e o pranto pola perda, algo que naquel momento compartiu con Diego Gende, irmán do malogrado artista.
Pouco despois incorporaríase Rubén Domínguez, quen acababa de disolver outro prometedor grupo de futuro truncado, Telephones Rouges. Era 2014, e só dous anos despois da publicación do seu álbum de debut homónimo, Chicharrón colectivizárase até un formato de sexteto, completado por Mar Catarina, Xurxo Meis e Mara Pérez. Foron moitas máis as cousas que se transformaron no seu segundo longo, “Postal”. O idioma xa non era o castelán, senón o galego, e o estilo evolucionaba desde a contundencia acústica e desesperada dos seus inicios cara a un indie pop máis aberto ao aire e a luz, cunha poesía melancólica e agridoce.
En 2017 chegaron un par de singles de transición, magníficos ambos: o épico “Contra Acantilados” e o medio tempo “Na Cela”, adaptación dun poema de Antía Otero que ben podería pertencer ao catálogo do selo británico 4AD. Xa por entón, a banda estaba a volverse a repregar a un novo núcleo duro, formado por Alberto, Rubén e Mara, mentres que o seu son expandíase cara a unha electrónica abrupta e escura de trazo industrial, moi ligada ao que Rubén estaba a facer no seu proxecto persoal, Pantis. As letras de “Cancións Clínicas” (2018) volvían lidar coa enfermidade, a perda, a asunción da ausencia. Material emocional tenso e intenso nunha nova volta de porca ao son Chicharrón, sempre dirixido polo conflito (persoal, social, anímico) e a honestidade con que eles agarran ás súas cancións polo pescozo para baleirarse dentro delas. O xornalista Nando Cruz escribiu unha vez sobre o grupo Xiu Xiu que, en cada unha das súas cancións, parecía que eles se arroxasen a combater a un campo de batalla, e ese é tamén o espírito da banda creada na localidade coruñesa de Carballo. “Fascíname que Rubén, que é o produtor do catro discos, conseguise crear as paisaxes necesarias para cada parte do camiño de Chicharrón, sendo todos tan diferentes. Creo que parte do éxito do grupo talvez proveña dese entendemento total e a confianza cega no que fai cada un de nós”, explica Alberto. “Vémonos moi pouco porque actualmente vivo en Madrid e elas en Carballo, e tampouco mantemos unha rutina de traballo”, apunta Rubén. “Durmimos como banda durante un tempo no que saímos a explorar e a influenciarnos e logo volvemos a casa e actívase a maquinaria. Por iso creo que cada disco é un mundo. Porque a nosa rutina de banda é vivir, contaminarnos e compartir”.
O álbum que tes diante, “Unha Fogueira Intacta”, continúa a senda do anterior, pero tamén posúe unha natureza diferente e, aparentemente contraditoria. Creouse durante o illamento e a paranoia do estado de alarma e os meses posteriores pero, ao tempo, é o seu disco máis aberto a colaboracións externas. “Cando acabamos Cancións Clínicas sentín que o rostro de Chicharrón que crearamos mirounos, e este disco é a procura do que hai detrás desa mirada, detrás de todos os anteriores discos. Cada canción pretende ser unha posibilidade dese interior. Todas as cancións son a mesma e, á súa vez, entre todas forman unha”, afirma Alberto sen querer dar máis pistas que entorpezan a libre interpretación do oínte. “Algo que me parece curioso é que as letras son previas á pandemia pero, cando o escoitas con atención, parecen levarche a un contexto de confinamento, de distancia, de desconcerto, de fin do mundo”, indica Mara.
A nivel sonoro, xa non hai as concesións ao pop que aínda quedaban en cancións do seu anterior traballo como “Que tempo fará?”. Agora é todo moito máis asfixiante e esquivo nun proceso que sempre estaba aberto ao achado a través do erro. Os membros do grupo chegaron a crear unha lista de Spotify con algunhas das cancións que querían usar como referencia . Liars, Portishead, Einsturzende Neubauten, Low, Swans, Throbbing Gristle, Xiu Xiu ou FKA Twigs son algúns dos nomes que aí saen e que poden axudarnos a iluminar (ou escurecer) o camiño. “Todo o que hai nela, dalgunha forma ou outra, foi utilizado para compor, orientar gravacións e mesturar o disco”, informa Rubén. “Na construción do álbum, quixemos subliñar a presenza da percusión e baixos, tanto eléctricos como Moogs. Foi o máis parecido a un collage que fixen nunca. Con todas as pistas que gravamos e as que nos enviaron os participantes, empecei a formar un esqueleto previo, limpando, reorganizando e sobre todo tratando as gravacións como samples. Salvo as voces e os Moogs, o resto de elementos foron situados con esa perspectiva da electrónica e a música experimental, a pesar de ter costuras de pop ou rock. A instrumentación dalgunhas cancións acabou noutras, e nese aspecto foi moi interesante -outra vez o azar- a idea de Alberto de realizar todo o disco a 127 BPMs. Aínda que algunhas delas finalmente variaron de pulso, máis da metade están nesa cadencia, por iso o transvasamento foi tan interesante. Ademais, desde o principio tiña claro que quería que a vida se coase no disco a través de gravacións de campo”, engade. “En contra do común, creo que é un álbum para escoitar con ruído de fondo, no transporte público, conducindo de noite e mesmo mentres lavas os pratos en casa. En realidade, en todo o disco vira esa idea de influencia, de colectividade e de relacións azarosas entre os elementos que configuran un estado de ánimo. Outra das ideas que máis me interesan é contemplar cada canción como infinitas posibilidades entrelazadas, con protagonistas complexos como o saxo ou o acordeón, ordenando o caos. Ambos son instrumentos moi físicos, de tensionar a respiración humana e mecánica. Teñen un papel narrativo no discurso do disco aparecendo na esperanza (“Outono de fíos eléctricos”, “Xogando nunha praia de entullos”), a derrota (“Videntes namoradas”, “Outono de fíos eléctricos”, “Vas quedar a mirar?”) e o misterio (“Ondeando”, “O mes sen minutos”, “Highway To Heaven”)”.
A idea da colectividade é moi importante neste álbum. Chicharrón reconverteuse nunha especie de proxecto de portas abertas no que contribuíron algúns dos artistas máis interesantes da actual escena pangalaica. “Necesitabamos facer algo en común con xente á que admiramos persoal e artisticamente, amigos e persoas de todos os ámbitos artísticos do panorama galego, sempre tendo presente esa transversalidade nas artes na que cremos”, apuntan Alberto e Mara. O seu tema “Highway To Heaven”, por exemplo, parte dun cómic de Kike J. Díaz no que interpreta un poema de Yolanda Castaño. “Facer un vídeo dunha canción na que musicamos un cómic que interpreta un poema mólanos bastante”, lanza o vocalista do grupo entre risas. Non é, por certo, a primeira nin a segunda vez que adapta un texto de novos poetas galegos. “Eu escribo as letras e a min a poesía galega me flipa e creo sinceramente que estamos ante unha das mellores xeracións de escritoras da historia, polo que tamén é necesario reivindicalo. Ademais, que no disco estean presentes dun ou outro modo Luz Pozo, Yolanda Castaño e Alba Cid tampouco é unha casualidade; valinme delas para establecer un diálogo interxeneracional que tamén quería que estivese presente no disco. Creo firmemente nas posibilidades literarias e artísticas da música pop”.
O elenco de colaboradores que aparece nos créditos da gravación é case un quen é quen do actual underground galego, aínda que non foron, subliña Rubén, ningún caixón de xastre. “Neste disco a composición comezou a articularse desde as propias colaboracións. Cando chamamos a Brais Otero -Mundo Prestigio, Jay- buscabamos ese sinal escuro, visceral, pero elegante no baixo e o saxo. Con Anxos Fazáns -Contenedor de Mierda- o mesmo. Ela sorprendíase de que a chamásemos para tocar a guitarra en varios temas –“se non teño nin idea de tocar!”- pero a súa “batida” na guitarra era a idea sobre a que cimentar “O espigador” ou “Por canto non o facemos?”. A Sara Iglesias -saxo en “Videntes namoradas”, “Ondeando”, “Highway To Heaven” e “Xogando”- deixámola media hora soa gravando saxos para poder relacionarse co seu instrumento e coas súas propias vivencias. Pero coa súa presenza buscabamos iso: o seu caos, a súa profundidade e o seu espírito. Rosalía Fernández Rial é un poeta carballesa moi boa e unha persoa xenial que contaxia felicidade e harmonía. A súa participación tamén marcou un punto de inflexión na estrutura do disco. A respiración do seu instrumento e os matices que introduciu nas cancións son espectaculares. Teo Cid e Cibrán Tenreiro -Monstruo, Zara- son referentes éticos e estéticos para min. Son artistazos e persoas moi comprometidas politicamente. Músicos incribles e seres inmensamente libres e sensibles. Do recordo de concertos seus saíron aproximacións a diversas cancións como o final de “Oda aos vagalumes”, “Por canto non o facemos?” ou “Ondeando”. Charles Rapante -Os Vacalouras, Contenedor de Mierda- é un dos mellores buscadores de sons eléctricos que coñezo. É un guitarrista imaxinativo, que foxe do lugar común e un fantástico explorador. Cando chegou ao estudo e montou os seus pedais e o theremin e empezamos a experimentar sabía que a súa presenza articularía o conxunto do disco e así foi. As súas guitarras son precisas e a súa interpretación do theremín, expansiva. Sen el, “Procesos de oxidación” non sería nin a metade de vibrante que é. Xiana Arias -Atrás Tigre- e Berio Molina son dúas creadoras que admiramos profundamente. No seu caso non puidemos coincidir no estudo e fixeron as súas achegas desde casa. Berio Molina é un artista sonoro extremadamente interesante e Xiana é a performance e o ímpeto. O seu sintetizador en “O mes sen minutos” fíxome reformular por completo a canción e as súas gravacións de campo en “Oda aos vagalumes” e “Procesos de oxidación” guían o discurso das cancións. Un detalle moi tolo de “Procesos de oxidación” son as percusións corporais que fixeron a base de saltos e palmas. Ibán Pérez, ademais de producir, volveu meter percusións e algún baixo, aínda que os condicionantes loxísticos impediron algún detalle máis. Marco Maril -Apenino- tamén participa e aínda que as súas achegas non están tan presentes, para min si foi importante o timbre das súas pistas á hora de definir o cariz dalgúns temas. Mar Catarina tamén está presente en “Ondeando” aínda que a súa presenza está en todos os temas, como sempre. Matías Unruh foi o meu compañeiro de banda en Telephones Rouges e encargouse da mestura de seis do once temas deste disco. Na xira que fixemos en decembro foi o noso técnico e despois, debido a problemas loxísticos con Ibán Pérez por atrasos meus, asumiu máis da metade das mesturas. O seu traballo foi dunha pulcritude inmensa e foi decisivo para que cancións como “Procesos de oxidación” teñan esa profundidade no discurso sonoro, tan ligado á banda sonora audiovisual”.
Por último, e non menos importante, hai que resaltar a impresionante portada que elaborou o fotógrafo coruñés Pablo Mella. “Mandounos varias fotos e esta é a que máis nos molou -asevera Alberto-, porque resumía á perfección o significado do disco e porque nos lembraba a unha charla moi emocionante que deu na feira do Libro de Carballo Manuel Rivas sobre os vagalumes, os seus millóns de formas diferentes de nomealos e sobre a ameaza da súa supervivencia”, sinala Alberto. É como o pequeno escintileo que
percibimos nun mar de escuridade, o faro nunha estrada perdida na inmensidade da noite ou, como canta Alberto nun momento do disco, só un ladrido no medio da cidade. “Unha Fogueira Intacta” é un álbum verdadeiramente inspirador, un novo manifesto humanista e artístico nunha banda sempre inquieta, sempre sorprendente. Chicharrón segue sendo todas as posibilidades porque nunca estivo tan preto de atopalas. Avanza.
DAVID SAAVEDRA
Se lanzó el 7 de abril de 2021
Disco gravado en setembro do 2020 no Estudio Terraforma do Hío, Cangas do Morrazo por Ibán Pérez.
Mesturado por Ibán Pérez e Rubén Domínguez.
Producido por Rubén Domínguez.
Masterizado por Cem Oral en Jammin Masters, Berlín.
FR-031.
Edita Ferror Records. 2021.





